Polenta fritida con cebola

A polenta cocida é un prato tan típico do norte de Italia, que os do Sur chaman aos do Norte polentones. Outro uso para esta especie de fariña de millo, ademáis de biscoitos coma este, é facer petiscos coma o que hoxe nos ocupa, moi sinxelo e saboroso para acompañaren mollo de tomate caseiro, queixo fundido ou coma guarnición de peixes ou carnes.

A polenta é bastante habitual nos supermercados e hipermercados, fixádevos que veña precocida, porque senón leva moitísimo máis tempo. Eu boteille cebola crocante da que venden feita, pero podemos cambiala por noces, atún, anaquiños de xamón, etc.

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

Medio quilo de polenta

Unha culleriña rasa de sal

100 gr de cebola seca

Aceite de xirasol para a tixola

  1. Cocemos a polenta segundo as instruccións do fabricante.
  2. Engadimos a cebola e estendemos nunha fonte rectangular, procurando que quede lisa por cima e cun grosor de 3-4 cm.
  3. Deixamos arrefriar.
  4. Cortamos o contido da fonde en rectangúlo de 8-10 cm de longo e 2-3 cm de largo.
  5. Quecemos un par de culleres de aceite na tixola, e poñemos os pauciños a dourar. Se vedes que se pegan, botádelle máis aceite. Repetimos por todos os lados.
  6. Colocámolos nun prato cun pano de papel para que absorva o exceso de aceite e servimos coa guarnición que nos apeteza.


Queique de polenta e pera

A polenta é millo seco e moído, que se pode comer coma un puré (é moi típico no centro e norte de Italia) ou usar mesturado con fariña para queiques e galletas, xa que lles dá unha textura moi especial, moi compacta e ao mesmo tempo moi tenra.

Este doce admite moitas variacións na parte da froita: pódese facer con mazá, arandos, ameixas...etc. Tamén se lle poden engadir froitos secos por riba, a améndoa quédalle moi ben á pera.

Se che gustan os doces a base de millo, podes visitar esta receita de queique de millo, ou estas marabillosas galletas de millo e chocolate.

Ingredientes (para un queique de 8 ou 10 porcións)

250 gr. de azucre

225 gr. de fariña

150 ml. de aceite de xirasol, máis un pouco para o molde

80 gr. de polenta

2 peras grandes, peladas, sen carozo e cortadas en anacos de 1x1cm aprox.

2 ovos grandes

Reladura dun limón

Dúas culleres de fermento químico

Media culleriña de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º, polos dous extremos.
  2. Engraxamos un molde rectangular cunha culleriña de aceite de xirasol e colocamos papel de forno no molde, que quede ben pegado.
  3. Esparexemos unha culleriña de azucre sobre o papel, e estendemos as peras cortadas, ocupando toda a superficie.
  4. Nun bol grande, mesturamos os ovos, o azucre e a reladura de limón, batendo ben.
  5. Noutro bol mesturamos a fariña, a polenta, o fermento e o sal. Imos engadindo e batendo esta mistura no bol do paso anterior.
  6. Vertemos no molde e cocemos no forno durante 45-55 minutos. Andade con ollo porque cada forno é distinto.
  7. Cando a superficie estea ben dourada, pinchamos cunha agulla de calcetar, e se sae seca é que xa está listo.
  8. Deixamos arrefriar nunha bandexa de rexas, estará máis bo pasadas unhas horas.

Que aproveite!