Polo guisado con verduras e viño branco

A quen non lle gusta o polo guisado? Esta semana traemos unha receita moi doada de facer (en serio, o único que cómpre é un pouco de paciencia). Esta receita viría sendo a versión estival deste polo guisado ao viño tinto.Podedes cambiar as verduras, tamén quedaría ben con cebola e pementos, berenxena, etc.

Xa sabedes que por estas leiras somos moito de polo, podedes velo nesta receita de albóndegas de polo con ananás, ou esta de polo rebozado ao mel.

Ingredientes (para 4 racións)

8 coxas ou contracoxas de polo

Un allo porro

Unha cabaciña

6 metades de tomates secos rehidratados

250 ml. de viño branco, seco ou semi-seco

8 culleres de aceite de oliva virxe extra

Sal ao gusto

1/2 culleriña de tomiño

  1. Poñemos o aceite a quecer nunha tixola ben grande. Douramos ben as pezas de polo e reservamos.
  2. No mesmo aceite botamos o allo porro e a cabaciña cortados en dadiños. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar brandos e transparentes.
  3. Engadimos os tomates secos picados, o tomiño e o sal. Remexemos un par de minutos.
  4. Engadimos o viño e deixamos cocer máis ou menos 5 minutos, ata que evapore o alcol.
  5. Botamos o polo de volta á tixola e deixamos cocer, a lume medio, durante 20 ou 30 minutos. E probable que algunhas verduras queden caramelizadas (escuras), pero non vos preocupedes, están moi boas así!

Que aproveite!


Polo con mollo de soia e noces

Esta receita é orixinaria de Corea, seica alí se toma como primeiro prato, ou para picar (non sei o nome orixinal, deuma un amigo e non dou con ela en Google...). Leva moito ingrediente pero é moi doada de facer, ten tres pasos! Hai que deixala enfriar, está máis boa ao día seguinte.

Avísovos que é unha vez que se empeza a comer, e ALTAMENTE ADICTIVO.

Ingredientes (para catro ou cinco persoas):

500gr. de peituga de polo cortada en dadiños de 3x3 cm.

2 culleres de fariña

Sal

Para o mollo

1-2 culleres de manteiga

2 culleres de ketchup

4 culleres de salsa de soia

6 culleres de auga

3 culleres de azucre

1 culleriña de pasta de chile - se non dades con ela podedes usar tabasco

2 culleres ben cheas de trociños de noces

Un chisco de pementón doce

  1. Enfariñar o polo, botarlle sal e fritir ata que estea dourado. Retirar nun prato.
  2. Nunha tixola, poñer os ingredientes do mollo todos xuntos, quentar a lume baixo e remexer ata que a salsa quede un pouco espesa. Apagar o lume.
  3. Botar o polo na tixola e remexer ben ata que colla todo o mollo. Pódese servir frío coma entrante, ou morno acompañado de arroz ou cachelos. en todos os casos, vai ser aditivo!

Que aproveite!

NOTA: Esta receita foi publicada orixinalmente en xullo de 2013, está ñe unha versión revisada, e con novas fotos.

polo-soia-3

polo-soia-2


Polo fritido á xaponesa

O polo karaage (o equivalente galego sería "caraxe"?) é un prato típico nas tabernas e furanchos xaponeses, e prepárase dun xeito similar á tempura. É unha maneira deliciosa de facer o polo e penso que lle gustará a todo o mundo, só hai que axustar os ingredientes segundo os comensais: se son nenos, botarlle menos allo, ou se alguén lle ten manía ao xenxibre pois botarlle menos, etc.

En Xapón gustan moito de facelos con contracoxas de polo, máis graxas e ca pelciña crocante, pero a versión con peituga de polo tamén está moi boa, aproveitase máis e é máis sá. Tamén se pode facer con carne de tenreira ou incluso peixe, a cousa é ir probando! Tamén podedes botarlle un ollo a este polo estilo coreano, ou a esta receita de polo rebozado ao mel.

Para un mellor resultado é mellor deixan mariñar a carne durante 24 horas, e se non se pode, coma mínimo, dous. Para acompañalo tómase maonesa xaponesa (feita con soia e vinagre de arroz), pero como non tiña, engadinlle unhas pingas de soia á maonesa normal e voilà!

Ingredientes ( dúas racións coma prato principal, tres ou catro coma entrante)

500 gr. de peituga de polo

5 culleres de mollo de soia

1 dente de allo, cortado e esmagado no morteiro

1 culleriña de xenxibre en po

4 culleres de Maicena

Aceite de xirasol para fritir

Sal e pementa

  1. Cortamos o polo en anacos máis ou menos iguais, que se poidan comer dun bocado.
  2. Nunha bolsiña de plástico (mellor se é hermética) mesturamos a soia, o xenxibre e o allo. Engadimos o polo, remexemos cas mans e deixámolo repousar na neveira (Lembrade: mínimo 2h.)
  3. Nun prato fondo poñemos a Maicena.
  4. Quecemos o aceite nunha tixola. Acantidade variará dependendo do diámetro desta, pero ha de ser dabondo para chegar aos anacos de polo pola metade.
  5. Cun garfo imos rebozando o polo na Maicena e fritíndoo cando o aceite estea ben quente.
  6. Cando douren por un lado dámoslles a volta.
  7. Imos retirando os anacos a un prato tapado con papel de cociña.
  8. Deixamos arrefríar un pouco e servimos cun pouco de maonesa con ou sen soia.

Que aproveite!

polo_karaage_3


Polo ao viño tinto

Despois dunhas semanas de "dieta branda" , voltamos ca acarne ao blo, desta vez cunha combinación moi especial: polo guisado ao viño tinto. A verdade é que está moi bo, e como o polo évos tan agradecido, podedes cambiar o viño por cervexa ou incluso cola, que seguro ha quedar ben tamén. Só hai que ter en conta dúas cousas: canto mellor o viño, máis sabedeiro o guiso (non é plan de usar un carísimo, pero tampouco San Simón) e que estará máis bo ao día seguinte.

Se vos gusta a carne de polo, non deixedes de botarlle un ollo a esta receita de polo rebozado con mel, ou a esta de polo asado con laranxa

Ingredientes (para 4 racións)

4 coxas ou contracoxas de polo

80 gramos de manteiga

Unha cebola grandeira

100 ml de viño tinto

Sal e pementa negra

  1. Pelamos e cortamos a cebola en rodas finas, de 5 mm. aproximadamente.
  2. Poñemos unha pota grande a lume medio e derretemos a manteiga. Hai que ir con ollo porque a  manteiga queima máis axiña ca o aceite, e entón non serviría.
  3. Douramos a cebola na mateiga durante 10 minutos, a lume medio.
  4. Botámoslle sal e pementa ás coxas de polo e pasámolas á pota para que douren. Cando estean dun lado, dámoslles a volta, que non quede ningunha parte crúa.
  5. Botamos o viño e deixamos quecer, sempre a lume medio, durante 20-30 minutos, dependendo do tamaño das pezas.
  6. Servimos acompañado de arroz, patacas, ou simplemente pan!

Que aproveite!

polo_vinho_3

 


Gaspacho de manga con polo adobado

Xa chega a calor e con ela as sopas frías, entre elas o popular gaspacho. Esta receita é unha adaptación desta do Comidista, que atopei por casualidade e non podo estar máis contenta con ela: a sopa é refrescante e cun punto doce e o polo (ou as gambas da orixinal) adobado fai un contraste de sabor marabilloso. O gaspacho pode gardarse no frigorífico un par de días, así podedes experimentar con diferentes guarnicións.

Se queredes probar máis sopas frías, botádelle un ollo a esta de cogombro e iogur, ou a estoutro gaspacho de amorodos e mazá, un dos pratos que máis éxito tivo o ano pasado ;) E se o que vso gusta é a manga, probade esta mousse, unha lambonada perfecta!

Ingredientes (para dúas ou tres racións)

400 gr. de tomates ben maduros

Unha manga ben madura

Unha cebola tenra pequena

75 ml. de aceite de oliva virxe extra

2 culleres de vinagre branco

Un (o dous) vasos de auga fría

Sal ao gusto

Para o polo

2 filetes finiños de peituga de polo

2 beliscos de xenxibre en po

3 ou 4 culleradas de aceite picante (ou normal, segundo o gusto)

Sal e pementa negra

 

  1. Lavamos os tomates e cortámolos en anacos pequenos.
  2. Facemos o mesmo coa manga e a cebola tenra, esta última canto máis fina mellor.
  3. Botamos todo na trituradora xunto o resto dos ingredientese triturámolo ata que estea ben mesturado. É mello botar un só vaso de auga ao comezaren, e corrixir a textura polo camiño. Ao final probamos e corrixirmos o sal se fose necesario. Deixamos no frigorífico polo menos unha hora.
  4. Cortamos o polo en tiras de 2 cm de largo e botamoslle o xenxibre, a pementa e o sal. Quecemos o aceite na tixola e fritimos ata que estea ben dourado e un chisco crocante nas puntas.
  5. Servimos o gaspacho no prato e decoramos cun pouco de aceite e cas tiras. Ou poñémolas nun prato aparte, como vos guste.

Que vos aprece a idea? Gústavos a combinación de froita con cousas salgadas?

gaspacho-manga-2 gaspacho-manga-1