Costela de porco glaseada ao forno

Esta receita é unha adaptación desta do marabilloso blogue Palachinka, onde podedes atopar moitas receitas larpeiras e especialidades balcánicas (en inglés). Leva moito tempo facela pero o resultado paga a pena 200%: a carne queda tenra e aromática, e a combinación co prebe agridoce é soborosísima! Non digades despois que non vos avisei ;)

Ingredientes (para 4 ou 5 racións)

1,5  quilos de costelas de porco

1,25 l. Coca-Cola, ou outra bebida de cola

1 pau de canela

125 gr. azucre moreno

60 gr. (3 culleres) de mel

130 gr. ketchup

2 culleres de mostaza

2 culleres de mollo Worcester

60 ml. de mollo de soia

    1. Prequecer o forno a 160º
    2. Cubrir o fondo dunha pota con papel de aluminio e colocar as costelas e o pauciño de canela. Botar un litro de cola e cubrir con máis papel de aluminio. Cocer no forno durante dúas horas, aproximadamente.
    3. Namentres, preparamos o mollo, que é o especial da receita. Mesturamos nunha tixola o azucre, o mel, o ketchup, a mostaza e o mollo Worcester con medio litro de Coca-cola. Cocemos a lume medio, remexendo de cando en vez ata que teña unha consistencia de xarope. Ao rematar hai que untar isto nas costelas cun pincel (de silicona), tende conta de que non quede nen moi líquido nen moi espeso.
    4. Sacamos a pota do forno logo de dúas horas e colocamos as costelas nunha bandexa de asar. Tiramos co líquido sobrante.
    5. Estendemos o mollo sobre as costelas cun pincel de cociña e metémolas no forno. Colocamos a bandexa negra con papel de prata por baixo, para recoller as pingas e que non atufe o forno. Nesta fase só compre calor na parte superior do forno.
    6. Tras 10 minutos, dámoslle a volta ás costelas e pintámolas polo outro lado. Repetimos a operación (dúas pintadas por cada lado).

Que aproveite!

costela_3

costela_5


Porco guisado con ameixas

Este guiso é típico da zona sur de Portugal, o Alentejo, sendo coñecida noutras zonas do país coma "porco á alentejana". Ten unha elaboración bastante longa, hai que mariñar a carne o día antes, pero queda un sabor tan especial que ben paga a pena. A carne de porco pode ser de varios cortes, pero queda mellor un que teña graxa, tipo paleta.

Este é un deses pratos com moitos sabores: eu son das que gustan deles, pero hai xente que prefire sabores máis sinxelos, hai queda o aviso :) O mesmo acontece co coandro, a mín gústame: desta vez non lle puxen porque non tiña, pero á maioría da xente que coñezo dalle noxo... ¿a vós gústavos? Contade as vosas vicisitudes co coandro nos comentarios ou no noso Twitter!

Ingredientes

500 gr. carne de porco
1 kg ameixas
2 cebolas
2 culleres de massa de pementão
4 tomates
2 culleres de unto (lardo)
1 vaso de viño branco
1 folla de loureiro
2 craveiras
Coandro fresco (opcional)
Sal e pementa ao gusto de cada un
2 dentes de allo

  1. Cortamos a carne en anacos pequenos.
  2. Xuntamos o pementón, o viño branco, o loureiro, as craveiras, un dente de allo picado, o sal e pimenta. Remexemos e deixamos mariñar dun día para o outro.porco-ameixas4
  3. Ao día seguinte cortamos as cebolas en rodas, o outro dente de allo e o tomate sen pel nen anacos duros, e levámolo todo ao lume cunha culler de unto.
  4. Deixamos refogar ata que o tomate e as cebolas estean cocidos.
    Engadimos as ameixas, previamente lavadas varias veces.
  5. Logo de que as ameixas abran, salpementamos e deixamos ferver 1 minuto máis.
  6. Retiramos do lume. Noutro recipiente fritimos a carne co resto do unto.
  7. Engadímoslle 2 culleres do líquido da mariñada e deixamos cocer durante uns 5 minutos.
  8. Xuntamos as ameixas e a carne, servimos con cachelos ou patacas fritas en cubos, todo esparexido con coando fresco picado.

porco-ameixas3

porco-ameixas1


Espeto de porco, albaricoque e touciño entrefebrado

Tiña ganas xa dende hai tempo de probar un espeto de carne, e un día atopei de casualidade esta receita que fixen sen moitos cambios (e tan sinxela, que non dá para máis!). No canto de ameixas usei albaricoques deses pequeniños, pero penso repetila cas ameixas moradas, as miñas favoritas. A mestura de carne e doce non sempre é do gusto de todo o mundo, sempre podedes facer probas con outras froitas (o mango iríalle ben) ou facelas con touciño só, pero así perderían un pouco de gracia...

Moi recomendable para leva preparada a unha barbacoa, ou para facer nunha tixola-grella que teñades por casa. Eu só teño unha tixola normal, e tiven que recortan un chisco as puntas do espeto para que caibesen: ollo con iso, comprobádeo antes de insertar a carne.

Ingredientes (para catro espetos)

250 gr. de paleta de porco en dadiños de 2x2 cm.

5 albaricoques pequenos

8 tiras de touciño entrefebrado

Sal e pementa

Un chisco de aceite - só se usades unha tixola

  1. Botamoslle o sal e a pementa á carne.
  2. Lavamos os alabaricoques e cortámolos pola metade. Quitámoslles o óso.
  3. Cunha tira cada unha (ou media, se e moi larga) envoltamos as metades dos albaricoques.
  4. Metemos un anaco de carne, medio albaricoque e así sucesivamente ata que o espeto quede case cheo, deixando un espacio para collelo cas mans.
  5. Quentamos a tixola (grella, barbacoa, etc.) e cociñamos ata que o porco estea ben feito e o touciño crocante.
  6. Servimos axiña, que frío non vale nada!

Nota: Un truco para que os espetos non rachen é mercalos de bambú. Son máis caros pero tamén máis resistentes. Se non, collede uns "de toda a vida" e deixadeos en remollo vinte minutos antes de usalos, así quedarán máis elásticos.

Que aproveite!espeto5 espeto4 espeto2

 

 


Solombo de porco asado en cervexa tostada

Repasando as entradas do blog decateime de que teño unha leve fixación por facer receitas con alcol. Está a pescada ao forno con viño branco, o churrasco ao ron e o risotto con viño branco. A verdade é que é unha opción pouco coñecida e doada de darlle sabor aos pratos.
Din con esta receita non sei onde, xa nun fun que de atopar a orixinal. O caso é que é un xeito distinto de comer porco, (e ademáis queda moito mollo para mollar o pan ao final!) a cervexa dalle un toque picante e a canela e o loureiro un sabor un chisco amadeirado, moi gustoso. Igual ca nos guisos, sabe mellor se o deixades repousar un día.

Ingredientes
800 gr de solombo de porco, mellor se ten graxa.
600 ml de cervexa tostada
1 cebola grande
50 gr. de manteiga
1 rama de canela
2 follas de loureiro
Sal e pementa ao gusto

  1. Cortamos a cebola en tiras finas (ver vídeo de como facelo apropiadamente nesta ligazón)
  2. Nunha tixola grandeira derretemos a manteiga, douramos a cebola a lume medio ata que estea tenra.porco_prep2
  3. Cortamos o solombo en catro rodas grosas e botámoslle o sal e a pementa.porco_prep1
  4. Retiramos a cebola a un prato e na manteiga restante selamos a carne: cocemola brevemente por todos os lados ata que quede marronciña.
  5. Prequentamos o forno a 150º
  6. Nunha bandexa de cristal colocamos o porco, a cebola e a manteiga que sobre. porco_prep3
  7. Botamos a cervexa por riba e engadimos a rama de canela e o loureiro. Tapamos por completo cun papel albal.porco_prep4
  8. Deixamos cocer no medio do forno a esa temperatura, durante dúas horas.
  9. Retiramos o papel albal e deixámolo cocer 30 minutos máis ata que a carne sexa moi doada de cortar e a salsa mingüe e espese un chisco.
  10. Retiramos a canela e mailo loureiro, servimos o porco acompañado de arroz blanco ou puré de patacas.

porco2