Peras bébedas

As peras bébedas foron un prato moi popular nos anos setenta e oitenta, e que sobrevive nas cartas dalgúns restaurantes, e na casa dos meus pais! A receita é de miña nai, está riquísima e é súper doada de facer, so precisades 3 ingredientes, unha horiña e un chisco de paciencia.

As peras deben estar firmes, se están moi maduras non valen: é recomendable usar "peras de inverno", que son as que teñen a pel marrón. Tamen se pode cambiar o viño normal por viño de Porto, rebaixando o azucre á metade .

A orixe desta receita non está clara, pero parece ser que a xente "antiga" quería aproveitar as peras e demáis froita dura, así que comezaron a cocela a lume lento, para que non se desfixese. Primeiro foi a auga e mailo azucre, e logo alguén (probablemente en Francia) pensou que sería boa idea botarlle viño... e o resto é historia ;)

Ingredientes (para catro racións)

4 peras grandeiras

4 culleres de azucre

200 ml. de viño tinto

1 rama de canela (opcional)

  1. Pelamos as peras, botámolas nunha pota co resto dos ingredientes. A pota que non sexa moi grande: ten que quedar o líquido pola metade das peras.
  2. Cocemos a lume medio ata que se evapore o viño e estean tenras e coloreadas. Isto depende moito da cociña, así que tomade como base 20 min e despois, o tempo que faga falta.
  3. Servimos co seu líquido, cando aínda estean tépedas.

Que aproveite!
peras_bebedas2

peras_bebedas3


Bolos de arroz

Os bolos de arroz xa saíran na reportaxe "Grandes hits de Portugal", na que falaba das cousas que máis paga a pena mercar no país veciño. Desta vez imos ca receita para facelos na casa, sonvos moi doados de facer: un almorzo perfecto! Tenro a máis non poder, e cun arrecendo que vos ha encantar.

A forma radicional de presentalos é nos moldes de de papel feitos expresamente, dá un pouco de traballo pero paga a pena. Se queredes facer os moldes, collede papel e tesoiras e mirade estas instruccións. Recoméndovos esta opción, xa que canto máis alto sexan, mellor: a masa collerá máis forza para levedar dentro e sairavos a cabeciña redonda, que é o mellor do bolo.

Se pola contra non tendes tempo, podedes empregar os sempre prácticos moldes de silicona para madalenas: a min sobroume un chisco de masa e fixen un con molde, poño a foto ao final para que vexades como queda. En todos os casos, están boísimos!

Ingredientes (para 12 bolos pequenos, ou 6 grandes en molde de papel, aproximadamente)

150 gr. de azucre, máis un pouco para decorar

150 gr. de fariña triga

150 gr. de fariña de arroz

80 gr. de manteiga, a temperatura ambiente

3 ovos

250 ml. de leite gordo (enteiro)

Unha culleriña chea de fermento químico (Royal ou similar)

Pel relada dunha laranxa pequena

Un belisco de sal

  1. Batemos a manteiga e o azucre ata formar unha masa cremosa. É recomendable facelo cunha batedora de varillas.
  2. Engadimos os ovos un a a un mentres seguimos batendo. Despois botamos o leite e a pel relada da froita.
  3. Prequentamos o forno a 180º
  4. Mesturamos as fariñas, o sal e o fermento nun prato e engadímolos a modiño na masa anterior, sempre batendo.
  5. Enchemos os moldes e poñemos o azucre para decorar (que fará un pouco de costra). Cocemos no forno durante 20 minutos, ata que estean dourados por riba.
  6. Deixamos arrefriar antes de comer.

Que aproveite!

bolos-arroz-2bolos-arroz-4

/li


Porco guisado con ameixas

Este guiso é típico da zona sur de Portugal, o Alentejo, sendo coñecida noutras zonas do país coma "porco á alentejana". Ten unha elaboración bastante longa, hai que mariñar a carne o día antes, pero queda un sabor tan especial que ben paga a pena. A carne de porco pode ser de varios cortes, pero queda mellor un que teña graxa, tipo paleta.

Este é un deses pratos com moitos sabores: eu son das que gustan deles, pero hai xente que prefire sabores máis sinxelos, hai queda o aviso :) O mesmo acontece co coandro, a mín gústame: desta vez non lle puxen porque non tiña, pero á maioría da xente que coñezo dalle noxo... ¿a vós gústavos? Contade as vosas vicisitudes co coandro nos comentarios ou no noso Twitter!

Ingredientes

500 gr. carne de porco
1 kg ameixas
2 cebolas
2 culleres de massa de pementão
4 tomates
2 culleres de unto (lardo)
1 vaso de viño branco
1 folla de loureiro
2 craveiras
Coandro fresco (opcional)
Sal e pementa ao gusto de cada un
2 dentes de allo

  1. Cortamos a carne en anacos pequenos.
  2. Xuntamos o pementón, o viño branco, o loureiro, as craveiras, un dente de allo picado, o sal e pimenta. Remexemos e deixamos mariñar dun día para o outro.porco-ameixas4
  3. Ao día seguinte cortamos as cebolas en rodas, o outro dente de allo e o tomate sen pel nen anacos duros, e levámolo todo ao lume cunha culler de unto.
  4. Deixamos refogar ata que o tomate e as cebolas estean cocidos.
    Engadimos as ameixas, previamente lavadas varias veces.
  5. Logo de que as ameixas abran, salpementamos e deixamos ferver 1 minuto máis.
  6. Retiramos do lume. Noutro recipiente fritimos a carne co resto do unto.
  7. Engadímoslle 2 culleres do líquido da mariñada e deixamos cocer durante uns 5 minutos.
  8. Xuntamos as ameixas e a carne, servimos con cachelos ou patacas fritas en cubos, todo esparexido con coando fresco picado.

porco-ameixas3

porco-ameixas1


Prebe de pemento asado - massa de pimentão

Todo un clásico da gastronomía portuguesa, a massa de pimentão e a base de moitos pratos, e ademáis, é moi doada de facer! O único pero é que hai que preparala cun día de antelación, pero despois dura varios días no frigorífico.

É difícil de crer que con tan poucos ingredientes saia unha cousa tan boa. A primeira vez que a fago na casa e non podo estar máis satisfeita co resultado: un mollo dunha bonita cor laranxa-vermella e cun sabor intenso (pero non picante!). É un ingrediente ideal para "adobar" bocadillos e tostas, e a semana que ven imos cociñar un prato ideal para o Nadal no que tamén se emprega, estade atentos!

Ingredientes (para 350 ml. de prebe, aprox.)

3 pementos vermellos grandes

2 dentes de allo

6 culleres de aceite de oliva virxe

2 culleres de sal gordo

 

  1. Lavamos os pementos, cortámolos pola metade e quitámoslles as sementes e as partes brancas. Cortamos en tiras de 3 cm. de diámetro, aproximadamente.
  2. Nun bol ou tupper grande, imos colocando as tiras, esparexendo o sal aos poucos. Remexemos cas mans para que quede ben distribuído.
  3. Deixamos repousar 24 horas a temperatura ambiente.
  4. Lavamos as tiras de pemento para quitarlle todo o sal que se poida e secámolas cunha rolla ou papel de cociña.
  5. Prequentamos o forno a 180º e colocamos papel de forno na bandexa. Poñemos as tiras ca pel cara arriba e cocémolas na parte de enriba do forno ata que estean negras. Ha levar 15 ou 20 minutos.massa_pimentao3
  6. Deixamos arrefriar e retirámoslles a pel. Ten que sair con facilidade.
  7. No vaso da batedora colocamos as tiras e os dous dentes de allo, picados. Batemos, e despois engadímoslle aceite de oliva, e batemos ata que teña unha textura homoxenea.massa_pimentao5massa_pimentao4

Este prebe pódese conservar no frigorífico durante dúas semanas, se está ben pechado. Como é un pouco forte e facelo leva moito tempo, tamén é boa idea conxelar unha parte nun recipiente de plástico, mellor se é hermético.

massa_pimentao1

 

 


Grandes hits de Portugal

A pesares de que ir pasar o día e comer nun restaurante no norte de Portugal e moi común, aínda hai xente que non foi ao supermercado alí, quedando sen descobrir moita cousa rica. Eu ía moito a Ponte da Lima ou a Braga a pasar o día, comprar panos e toallas, comer e ir ao super. Os meus pais son moi fans de Portugal, e estando en Ourense é moi doado. Se estades en Ferrol ou en Ribadeo non tanto, pero paga a pena ir un par ou tres de días e coñecer o Peneda-Gerês, ou ir ata Porto, cidade sempre recomendable.

Dende que hai euros o ticket da compra non sae barato coma antes, pero aínda así presta probar cousas distintas que non se dan atopado no Froiz ou no Gadis. Velaiquí a lista das miñas favoritas, das que probei, claro:

Leite chocolatado Agros

O mellor batido de chocolate EVER. Só se distribúe no norte, se vos gustan os batidos e dades con el, comprade varios paquetes porque é moi adictivo.

agros

 

Zumes Compal

Outro clásico. Custan un euro e son moito mellores que todas as marcas españolas que venden a ese prezo. Os meus favoritos son o de pexego, manga e o de pera da Rocha (ambrosía!) pero hai moitos sabores donde escoller.

 

compal1

Manteiga das Açores

É unha manteiga salgada e moi cremosa. Eu tomoa soa con pan, estña riquísima, pero tamén vai ben para botarlle a masas e biscoitos.

manteiga

 

Bolinhos de arroz

Estos é mellor compralos na pastelería, magdalenas feitas de fariña de arroz, cunha textura un pouco seca que as fai ideais para mollar. Recomendable tomalas con leite Agros, fan un tremendo combo.

bolinhos

Queixos variados

Aquí non vos podo dicir marcas porque hai moitas, os da foto probeinos e están moi bos. O tamaño é ideal para dúas racións (unha se tedes moita ansia) e así non hai risco de que queden resesos no frigorífico. Que tomen nota outros fabricantes!

queijo2 quejo

Paté de sardiña

A min gustame moito PERO é unha desas cousas cun sabor tan intenso que non hai termo medio: ou che encanta, ou quedas aborrecido. Imprescindible un bo pan para acompañar.

pate_de_sardinha

Molho piri-piri

Os portugueses levaron o invento de Mozambique e agora o prebe é un indispensable nas casas portuguesas. Piri piri quere dicir pementa en Swahili, o ingrediente principal son grans secos de pementa caiena, con pel de limón, allo, cebola, ourego e máis especias. Vai moi ben para adobar gambas ou polo ao forno, coma nesta receita

piri-piri

Vinho de Porto

Outro clásico das compras, as botellas que duran anos e anos na casa porque só se utiliza como viño de postre de cando en vez. Eu aínda non probei a facelas, pero hai receitas de carnes e postres que o usan, como esta de peras bébedas. A marca de abaixo no a probei porque é moi cara, pero hai para escoller vinhos de moitos prezos.

porto

Salame de chocolate

Mención especial para esta gran recomendación de Xabier Rolán que por algún motivo eu non descubrira, e son de dente doce :D Véndese na sección de refrixerados e leva anacos de galleta. Sabe parecido ás tortas de cumpreanos de galleta e chocolate, e ten unha textura densa. As 199 calorías son por roda, e no paquete veñen 9 ou 10...

salame1

E vós, que comprades? Sabedes de máis produtos? Dade aviso nos comentarios, no Facebook ou no Twitter!

Actualización: Esquecera o máis coñecido! Se ides a pastelería a polos bolinhos de arroz, non podedes marchar sen levar pasteis de nata, ou como lle chamaba eu antes: os queimadiños.

pasteis_de_nata