Torta de mousse de chocolate e café

Velaiquí unha reecita para os ultra-larpeiros: unha deliciosa torta de mousse con chocolate derretido, nata batida e aroma de café e crema de augardente. Unha explosión de sabor que de seguro ha triunfar nas comidas familiares ou aniversarios!

Como é unha desas cousas das que non se pode facer pouco, recoméndovos dúas cousas: ou facedes vasiños coma os de esta receita, ou vos asegurades de que vai haber moita xente para comela, xa que a enchenta pode ser boa!

Podedes substituir a crema de augardente por caña, licor café ou ron, ou deixalo sen alcol, tamén está bó! Na cobertura podedes usar cacao en pó, queda mellor se despois lle ides colocar unhas letras :)

Ingredientes (para 8 ou 10 racións)

500 ml. de nata para bater

250 gr de chocolate negro

3 claras de ovo

100 gr. de azucre (preferiblemente glass)

60 ml. de auga

20 ml de café soluble

6 láminas de xelatina neutra

60 ml de licor de augadente (opcional)

Améndoas laminadas ou cacao en po para decorar

Para a base

15 bolachas tipo Digestive

25 gr. de manteiga

3-4 culleres de leite

Hai que usar un molde desmontábel de 24 cm de diámetro, aproximadamente, e papel de forno.

  1. Forramos a base do molde co papel de forno e pechámos. Ten que quedar así:molde
  2. Quentamos un chisco a manteiga para que abrande.
  3. No triturador (ou vaso da batedora) botamos as bolachas, a manteiga e o leite, trituramos.
  4. Estendemos a pasta no fondo do molde, alisándoa cunha culler. Deste xeito aillaremos a base para que non saia o contido.
  5. Nunha pota quecemos a auga co café soluble, e engadimos a xelatina. Usamos ese líquido para derreter o chocolate, botándoo en anacos pequenos, a modiño. Deixamos arrefriar.
  6. Nun bol grande, batemos a nata co azucre ata que teña unha textura consistente.
  7. Batemos as claras de ovo ata que estean brancas.
  8. Engadimos o contido da pota no bol grande, tendo conta de que a nata non baixe: Para isto precisamos batelo a man cunhas variñas.
  9. Repetimos a operación cas claras. Se queredes botarlle o alcol, é o momento tamén :)
  10. Vertemos no molde e alisamos a masa cunha espátula ou coitelo longo.
  11. Gardámola no frigorífico durante 12 horas coma mínimo, para que calle.
  12. Antes de desmoldala, decoramos con améndoas lamindas ou cacao en po.

Que aproveite!

torta-mousse4 torta-mousse3


Xeado de cheesecake

Eu sigo aproveitando a xeadeira que comprei hai unhas semanas para faceren sabores "raros" que non se atopan por aí. Neste caso é un xeado feito a base de queixo crema (coma o Philadelphia), vainilla, ovo e anacos de galletas Dixestive. É unha adaptación dunha receita de Nigella Lawson: podédela ler aquí, xunto con máis suxerencias para  os xeados....boísimos!

Os xeados conteñen diferentes cantidades de graxa segundo os ingredientes que conteñan, e iso condiciona a sensación de frío ou calor que transmeten. Isto vén ao conto porque neste caso ten bastante graxa, que o fai lene e "cálido" polo que o podedes facer tamén en inverno, para despois de comer ;)

Ingredientes (para 6-8 racións)

350 ml. de nata para bater

175 ml de leite gordo

125 gr de queixo en crema

200 gr de azucre, mellor se é glas

1 ovo

2 ramas de vainilla (ou unha culleriña de extracto)

Zume de medio limón

6-8 galletas "Digestive" ou de avea, o caso é que esfarelen

  1. Quentamos o leite nunha tixola e poñemos a vainilla para que infusione durante 5 minutos, sen que chegue a ferver. Se usamos extracto, mesturámolo co leite.
  2. Engadimos o queixo en crema, e o azucre, remexendo. o lume non pode estar moi alto.
  3. Batemos o ovo e engadímolo á tixola, mesturando todo. Apagamos o lume e deixamos enfriar.
  4. Batemos a nata nun bol grande, ata que quede consistente.
  5. Vertemos o contido da tixola no bol, a modiño para que non baixe. Engadimos o zume de limón e remexemos un pouco a man.
  6. Deixamos enfriar no frigorífico.
  7. Se temos xeadeira, seguimos as instruccións do fabricante. Se non, metede o bol no conxelador e sacádeo para remexer a man cada 30 minutos, unhas 4 ou 5 veces. Isto evitará que o xeado cristalice e quede duro.
  8. Para usar as galletas hai dúas opcións: podédelas esmagar e engadir á crema do xeado, ou podedes facer "cortes" co xeado no medio de dúas galletas. Nas fotos distínguense as dúas versións.

Que aproveite!

xeado3xeado2


Pasteliños de noces e dátiles

Volvemos cos doces, pero desta vez a inspiración vén de Grecia e Turquía, nunha especie de baklava "feito na casa". En realidade o baklava leva bastante máis traballo e sae un chisco distinto a esta receita, pero penso que ben vale como introducción ao mundo de doces con froitos secos.

Como saen uns doces bastante contudentes, recoméndovos tomalos ao almorzo ou á merenda cun té, xa que de sobremesa poden ser demasiado :D

Ingredientes (para 6- 8 unidades)

1 paquete de masa fresca de follado

50 gr. de azucre

50 gr. de noces moídas

50 gr. de dátiles sen óso ou de uvas pasas

50 gr. de pan relado

50 ml. de ron dourado

1 culleriña rasa de canela en po

A pel relada de medio limón

Azucre glass para decorar

  1. Deixar os dátiles ou as pasas en remollo durante media hora. Escorrer.
  2. Prequentar o forno a 150º, só pola parte superior.
  3. Nun bol, triturar tódolos ingredientes ata que quede unha masa suave e un chisco pegañenta.prep1
  4. Cortar a masa en rectángulos de 12 x 5 centímetros, aproximadamente. Colocar unha porción do recheo ao longo deixando un centímetro por cada lado, enroscar, formar un aro e apretar a masa para que peche ben.
  5. Colocar na bandexa do forno (usando o papel que trae a masa do follado) e cocer durante 20-25 minutos, ou ate que douren por riba.
  6. Esparexer o azucre galss por riba e deixar enfriar.

Bo proveito!

pseudo-baklava4


galletas de arandos

Galletas de arando

Esta receita saiu procurando facer unhas galletas que fosen máis secas que as cookies, para mollar no café do almorzo. A gracia está en que non se usa batidora e hai que amasar cas mans: ao principio semella unha porcallada pero é bastante entretido e non tampouco leva moito rato.

Eu merquei os arandos secos no Mercadona, tamén podedes usar pasas, pexegos secos, noces, etc.

Ingredientes (para 20 galletas, aproximadamente):

250 gr. de fariña

90 gr de manteiga fría

90 gr. de azucre

75 gr. de arandos secos

100 ml. de leite frío

1 ovo

2 culleriñas de fermento químico (Royal e semellantes)

Media culleriña de canela (opcional)

 

  1. Tamizar a fariña e o fermento nun bol grande.
  2. Engadir a manteiga en añaquiños, e amasar cas mans ata que teña todo unha textura semellante ao queixo relado de bolsa.
  3. Prequentar o forno a 200º
  4. Botar o azucre e os arandos no bol, seguir amasando.
  5. Nun prato fondo, batir o ovo e a leite. Verter o líquido no bol e amasar (cas mans!) ata que quede unha masa homoxenea.
  6. Colocar papel de forno nunha bandexa, ou untala cun pouco de aceite, Cunha culleriña, facemos boliñas de masa, con coidado de que non estean moi xuntas para que non peguen.
  7. Baixar a temperatura do forno a 180º e cocer durante 12-15 minutos ou ata que douren. Se quedan un pouco brandas polo centro, non vos preocupedes, hanse de por duras ao enfriar!

gall_arand3

gall_arand2