Berenxena rechea de carne e queixo feta

Esta receita é unha versión das típicas berenxenas ao forno que tanto se comen en Cataluña e Levante, pero aproveitando un par de cousas que tiña de sobra: ceboliñas e queixo feta. É un prato moi doado de facer, e aguanta ben dous ou tres días no frigorífico unha vez cociñado. Como se pode deducir das fotos, están tremendas!

Ingredientes (para dúas persoas):

1 berenxena grande

2 ceboliñas

150 gr. de picada de vacún

100 gr. de queixo feta

3 culleres de pan relado

5 culleres de aceite de oliva

Sal

Pementa

  1. Cortamos a berenxena pola metade, baleirámola cunha navalla ata que só quede a polpa que está xusto pegada á pel. Nota: para que sexa máis doado, podemos quentar a berenxena enteira 5 minutos no microondas para que abrande a polpa.
  2. Botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande e quentamos.
  3. Cortamos as ceboliñas en rodas moi finas, botámolas na tixola e cocemos a lume baixo.
  4. Picamos a polpa da berenxena e engadimos á tixola.
  5. Cando comece a abrandar, botamos a carne salpementada.
  6. Cando a carne estea un pouco feita, engadimos unha culler de pan relado e o queixo feta en dadiños. Remexemos ca culler de pau.
  7. Enchemos as berenxenas co rustrido, cubrímolo co resto de pan relado e botamos unha culler de aceite polos ocos que queden pegados á pel.berenxena2
  8. Co forno xa quente, cocémolas a 170º durante 20 minutos, ou ata que douren por riba.

Que aproveite!

berenxena1


Farl, pan de pataca

Esta é unha receita típica do norte de Irlanda, aínda que o seu nome vén da palabra escocesa fardel, que quede dicir catro partes. Non é una receita moi apta para o verán, pero como seica este ano non hai, chega o tempo para probar.

Ingredientes (para catro persoas)

4 patacas medianas
100 gramos de fariña + un chisco para botar na tixola
50 gramos de manteiga morna
Un pouco de sal

  1. Pelar e cortar as patacas pola metade. Botar a cocer nunha pota con ben de auga ata que se poidan pinchar comodamente cun garfo. Despois de escorregalas, deixalas un pouco máis ao lume para que queden ben secas, tipo cachelo.
  2. Colocar as patacas nun bol e esmargar cun garfo ata facer unha pasta. Engadir a fariña tamizando cun colador, a manteiga e o sal. Seguir esmagando.
  3. Botar fariña nunha superficie lisa e verter o contido do bol, amasar ata que quede un pouco pegañento. Cunha botella enfariñada, estender a masa formando un círculo de aproximadamente 22 centímetros de diámetro e un centímetro de grosor.
  4. Usando un coitelo enfariñado, dividir en catro partes iguais. Quentar unha tixola e botar un chisco de fariña, repartindoo ben pola superficie. Pasar os cachos de farl cinco minutos por cada lado, ata que estean un pouquiño marrons e algo duriños por fóra. Engadirlles un pouco de sal por riba.

En Irlanda tómanas con touciño, ovos e/ou con black pudding (salchichas de sangue). Eu cominas con xamón serrano e estaban ben boas, tamén podedes probar con queixo brie ou roquefort, e plan lixeiro, cunha ensalada de tomate adobado con aceite de oliva. Non as deixedes enfriar, que entón non valen nada... se tendes que agardar por algo, tapádeas cun pano.

Que aproveite!