Pastel de allo porro, queixo de San Simón e noces

Gustaríame actualizar máis a cotío, pero ultimamente cando teño tempo non teño gañas de me poñer co ordenador e viceversa... Esta semana imos cunha receita ben sinxela que fai moito avío eses días que non nos queremos complicar moito a vida. É importante que o allo porro vaia cortado moi fino, do contrario tarda moito en cocer e pode repetir despois de comelo. A masa de follado póde facerse a man, pero é moi traballoso así que a mellor opción é comprala na sección de refrixerados. Unha moi recomendable é a do Lidl.

O das noces é unha combinación bastante obvia que se me ocorreu despois do allo porro, pero tamén se poden cambiar por outros tipos de queixo, touciño entrefebrado, atún, uviñas pasas, etc. Se queredes ler máis ideas de pratos sinxelos con masas, tendes esta quiche de brócoli, lacón e cebola seca, ou este saboroso calzone de pera, queixo gorgonzola e touciño

Ingredientes para 2 racións (para facermos prato único, se vai de entrante saen 4)

Un paquete de masa de follado rectangular

Un allo porro mediano

90 gr de queixo San Simón relado

Unha presa de noces

3 culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 180º.
  2. Sacamos o follado da neveira para que quede a temperatura ambiente.
  3. Lavamos e cortamos o allo porro en rodas o máis finas que poidamos. O verde pódese gardar para facer un caldo e con el unha crema de verduras.
  4. Estendemos o follado co seu papel e pinchámolo todo cun garfo agás as beiras (que quede un ou dous cm. de "marco")
  5. Estendemos uniformemente o allo porro cas mans. Botamos dúas culleres de aceite de oliva.
  6. Botamos o queixo San Simón, as noces o sal e o resto do aceite.
  7. Cocemos no forno (co calor enriba e abaixo) durante 20 min, ou ata que estea ben dourado polo marco.
  8. Servimos quente ou gardámolo para o día seguinte :)

Que aproveite!


Barcas de cabaciña con queixo San Simón

Estas barcas de cabaza so precisan un pouco de xeito ao coller o coitelo, polo demáis, son ben doadas e quedan moi ben nunha comida/cea con convidados. Se vos gusta esta verdura, temos ben de receitas con, ela, como por exemplo estas chulas de cabaciña, ou coca. Tamén lle podedes botar un ollo a estas berenxenas recheas con carne queixo feta, ou estas (aptas para vexetarianos), recheas do queixo asturianu Afuega'l pitu.

Ingredientes (para 4 ou 2 racións, dependendo se é entrante ou prato principal)

2 cabaciñas grandes

1 cebola grande, ou dúas pequenas

3 latas pequenas da atún (as que veñen nun pack)

2 pementos vermellos

100 gr. de queixo San Simón, relado.

6 culleres de aceite de oliva virxe extra

Un pouco de sal

  1. Lavar, pelar e cortar as cebolas en rodas moi finiñas.
  2. Quecer o aceite nunha tixola a lume medio.
  3. Lavar as cabeciñas, cortalas ao longo en dúas metades e sacarlle a polpa cun coitelo pequeno.
  4. Botar as rodas de cebola e a polpa das cabaciñas, co sal, e seguir cociñando a lume medio, ata que comece a transparentar.
  5. Mentres, lavar e cortar os pementos en anacos moi pequenos.
  6. Prequentar o forno a 180º.
  7. Engadir os pementos e seguir quecendo a mestura da tixola a lume medio.
  8. Apagar o lume da tixola e engadir o atún (escoado e esfarelardo) e u pouco do queixo San Simón, relado.
  9. Meter o contido de volta no "concho" das cabaciñas e botar o queixo restante por riba.
  10. Poñer un papel de aluminio na bandexa do forno e colocar as barcas de cabaciña por riba.
  11. Cocer no medio forno durante 20 minutos. Despois, co calor só por riba, subímolas un nivel e cocémolas 5 minutos máis, para que o queixo quede un pouco torradiño.

Servímolas quentes, se non se van comer no momento aguantan ben un par de días no frigorífico.

Que aproveite!