Crónica gastronómica - A lareira da Alén

Cun pouco de retraso (estiven hai máis de 3 semanas), pero ca tranquilidade de que con este tempo de m***a aínda hai ganas de cocido, veño contarvos a miña experiencia na asociación gastronómica A lareira da Alén, cada vez máis coñecida en Ourense e contorna.

Non se trata dun restaurante senón dunha asociación sen ánimo de lucro que recupera receitas e formas de comer tradicionais. Isto implica que só traballan con reservas, e a partires de dúas persoas. Está situada nunha casa señorial nas aforas de Viduedo, no camiño de Ourense a San Cristovo de Cea: está un pouco agochado, hai que prestar atención aos carteis na estrada porque é moi fácil pasarse.

A casa é moi grande e está en proceso de restauración, na pranta baixa hai unha lareira e unha barra, ademáis de varios salons para eventos. Na pranta de arriba é onde se come: hai unha habitación que ten u mesado moi grande onde deixan as potas do cocido e a louza para servirse (xa que non é un restaurante). Os prezos son moi económicos, tendo en conta a cantidade e calidade da comida.

Neste caso reservara un cocido para catro, que consta de:

  • 1 mini lacón artesán de 1,5 quilos
  • Media cachucha
  • 2 quilos de falda de terneira
  • 1  quilo de ósos da soá
  • 4 chourizos
  • 2 quilos de repolo
  • 4 quilos de patacas
  • Garavanzos (unha chea deles)
  • Sopa
  • Moletes de pan de Cea (cóbranse a parte)

Como podedes imaxinar, sobra un montón de comida, que se pode levar en tupperwares que venden eles  (ou nos teus, se te lembras de levalos). Nós comimos alí e todavía deu para dous xantares máis na casa: aínda estaba máis bo ao día seguinte!

Había outra xente que pedira carne asada ou chuletóns e todo tiña moi boa pinta. Sen dúbida, unha experiencia diferente para ir comer con amigos ou familia. Os donos, moi amables, dixéronnos que tiñan un proxeto de cocido para levar en Quintela de Canedo: O restorán da Alén, que pronto abrirá as súas portas. Haberá que estar atentos!


Escolma de inverno

Xa levamos uns aniños co blog, así que aproveitamos para facer unha selección de receitas que van moi ben para estes días fríos (preme na imaxe para ver a receita):

Crema rubia de verduras

 

Risotto de queixo parmesano viño branco

 

Churrasco ao ron con compota de mazá

 

Bacallau dourado ou "á portuguesa"

 

Polo asado á laranxa

 

Rolos doces de batata e noces

 

Torta de laranxa, mandarina e améndoas

E por último, uns consellos para facer café:

Como facer mellor o café na casa

Cinco alimentos que fai avío conxelar

Despois dos consellos para cocer a pasta, os de como facer o bechamel, e o que se pode facer cun limón...chegan uns consellos para conxelar comida! O conxelador é un electrodoméstico un pouco infravalorado (polo menos nas zonas urbanas, penso eu) pero cun pouco de xeito podeselle sacar partido para conservar máis cousas que carne ou peixe. Tende en conta que o que sae do conxelador nunca vai estar mellor que cando entrou, así que planificade un pouco e metede sempre cousas frescas e/ou en bo estado. O reseso é mellor tiralo ;)

  1. Froita: o sabor da froita non cambia, pero a textura si, así que o mellor é pelala, quitarlle as pébedas e gardala cortada, para facer batidos ou sobremesas con ela. Os froitos vermellos son especialmente agradecidos para conxelar, así que aproveitade o verán para teramoras, framboesas e arandos durante todo o ano!
  2. Verduras: Pasa o mesmo que ca froita, o mellor é gardalas lavadas e cortadas, ou xa cociñadas. Non se deben conxelar verduras que se han consumir crúas, como a leituga ou cenouras, xa que a súa textura non terá nada que ver ca crúa.
  3. Herbas aromáticas: un truco súper doado e práctico é facer unha mestura cas herbas que queiramos conservar e aceite de oliva. Batemos todo ata ter unha especie de "pesto" e gardámolo na bandexa dos cubiños. Así teremos porcións de herbas pequenas para irlle botando aos guisos!
  4. Nata batida: ha de estar batida antes de conxelar, do contrario arriscámonos a que se corte durante o desconxelado. Se sobra de facer unha sobremesa, gardade chisco para guarnición de larpeiradas futuras. PD: a manteiga tamén se pode conxelar para usar logo.
  5. Pan: sempre é boa idea conxelar nas porcións que se van utilizar logo. No caso do pan, a mellor idea e gardar as rebandas separadas por un film transparente e ilas desconxelando na torradeira ou sanduicheira. O pan de molde non aguanta moi ben por mor da textura, así que mellor é pedir unha bola e que vola corten na panadería.

Que cousas máis conxelades? Contádeo nos comentarios!


Loxe mareiro: unha crónica

Volvemos das vacacións de verán cun artigo un chisco diferente: unha crítica a un restaurante. De cando vez irei poñendo recensións de sitios que me teñan gustado, comezando polo extraordinario Loxe Mareiro, o restaurante do grupo Abastos en Carril, a carón de Vilagarcía de Arousa.

O motivo de comezar con este restaurante, aparte de que a comida estaba boísima,  é que me pareceu un proxecto moi completo, dende a arquitectura (é un almacén de pescadores rehabilitado, velaí o nome), a decoración (sinxela pero moi efectiva), a reivindicación do produtos do mar e a experimentación nos sabores e texturas.

Este restaurante está no paseo marítimo de Carril, e ten tres partes: a terraza, o interior con vistas ao paseo e o salón que está detrás da cociña. Unha das cousas que me chamou a atención é que esta está aberta e ao pasar pódese ver a preparación do xantar (os caldos, a grella, os "empratados"), un proceso que me gustaría ter visto con máis calma, pero non quería quedar aí no medio do corredor...

Ao mediodía hai varias opcións para xantar: o día que fun eu había un menú de 35 euros con peixe fresco, un menú un pouco máis longo por 45 euros e tamén pratos á carta. Os prezos son sen bebida, e paga a pena salientar que hai unha boa carta de viños, con moitas referencias do país. Ata onde sei, o menú de noite é diferente, así que é mellor chamar antes para se asegurar.

Eu probei o menú degustación máis longo, que ten algúns pratos clásicos do menú Abastos e algúnhas elaboracións novas que imaxino son probas para logo ir incorporando á carta. Velaiquí vai unha descrición dos pratos que máis me gustaron:

tiradito

Tiradito de San Martiño: os tiraditos son un prato típico de Perú, algo semellantes ao carpaccio. peixe fresco cortado moi fino con mollo de cítricos e neste caso, acompañado de tiriñas cenoura asada. A combinación da frescura do peixe e a textura e o leve sabor a queimado é abraiante.

espuma

Escuma de auga de mar con algas e maonesa de ourizo de mar. É coma unha nube de golosina, pero moi lene, que se desfai na boca. É difícil describir o sabor, pero non é como auga de mar literal, está moito máis bo.

sarinha

Sardiña e a súa espiña: un lombo de sardiña un pouco mariñado, acompañado de mollo de aceite aromatizado con herbas e xeado de pan. A espiña da sardiña está aromatizada, fritida (está ben crocante) e leva un boliño de masa na cabeza. Unha elaboración súper orixinal que daba gusto mirar, e comer, claro.

empanada

Empanada de salmonete: penso que este foi o meu favorito. É unha versión particular da empanada, comezando pola masa, que leva trigo mouro. Despois úntase cun caldo concentrado de peixe e métese ao forno, repetindo a operación. Por riba leva o salmonete co seu mollo, e non leva tapa. ESPECTACULAR.

xurel

Xurelo cociñado en dous tempos: Un lombo de xurelo sen pel que se coce a lume moi lento durante varias horas e despois pásaselle o soprete para que colla unha textura crocante. Vai acompañado de gominoliñas de vermú e laranxa (as tiras brancas non lembro o que eran, quedaron eclipsadas), e está delicioso!

chocolate

Sobremesa de chocolate Loxe Mareiro: un festival para os máis larpeiros, este prato leva chocolate en diferentes texturas: xeado, en sifón, nunha especie de mousse e en faragullas crocantes. Como a imaxe vale máis que mil palabras, non engado máis ;)

Gustaríame destacar tamén o atento que é o servizo, e tamén pan, que é unha tolemia do bo que está. Dixéronnos que leva centeo e auga de mar, e é o mesmo que logo se utiliza para facer o xeado. Chega á mesa un pouco quentiño, é adictivo.

menu

Ata aquí a miña primeira crítica, ¿qué vos pareceu? Deixade a vosa opinión ou recomendacións nos comentarios, ou no Twitter.


As Galeguesas de Facenda O Agro

Hai unhas semanas pasei por Celanova e tiven a oportunidade de ir visitar a facenda O Agro. Trátase dunha explotación agraria que leva varios anos criando gando nos montes de Santiago de Amoroce dun xeito extensivo: as vacas viven libres pacendo herba e así o monte está coidado e non arde, o que fai desta facenda un proxecto moi especial.

primavera3
O monte na primavera

 

vacas1
O monte en setembro

O responsable da facenda é Roberto Álvarez. Despois de estar varios anos emigrado en Madrid e de facer un curso de elaboración de queixo en Euskadi, decidiu voltar a súa vila para comezar este proxecto agrario. Despois de conseguir o arrendamento dos montes comunais e facer a limpeza e o mantemento, os primeiros becerros chegaron no ano 2007: agora hai en total trescentas vacas, cento cincuenta da raza Salers, orixinaria do centro de Francia, e 150 cachenas raza autóctona, máis adecuada para as costas pronunciadas dos montes da Baixa Limia. Entre o coidado do monte e a carnicería da praza da abastos traballan seis persoas.

vacas3

Además da herba, as vacas son alimentadas con millo, cebada e trigo. Como vos podedes imaxinar, a carne é moi saborosa: as súas hamburguesas galeguesas - feitas con pan raiado e un adobo especial de especias- están a coller cada vez máis fama. Tamén traballan xarrete, solombo, entrecote... Véndese a restaurantes, en feiras, en comercios minoristas e na praza de abastos de Celanova, onde teñen unha sala de despece.

sala2

Además da herba, as vacas son alimentadas con millo, cebada e trigo. Como vos podedes imaxinar, a carne é moi saborosa: as súas hamburguesas galeguesas - feitas con pan raiado e un adobo especial de especias- están a coller cada vez máis fama. Tamén traballan xarrete, solombo, entrecote... Véndese a restaurantes, en feiras, en comercios minoristas e na praza de abastos de Celanova, onde teñen unha sala de despece. As galeguesas pódense atopar en tendas como O gran colmado, en Ourense, e tamén en Compostela, Ribadeo, Lugo e Vigo. Se sabedes de máis sitios, por favor avisade nos comentarios!

primavera4

Un dos obxectivos da facenda é evitar que o monte arda. Se as terras están coidadas e teñen uso productivo é moi difícil que prendan grandes incendios e asolaguen o monte. Dende fai anos, nas terras de Amoroce non houbo lumes de importancia. Os terreos que ocupan as vacas do Agro abranguen 800 hectáreas, e Roberto ten intención de traballar con máis proxectos da comarca, cedendo unha parte do monte a asociación cultural Arraianos, que traballa en terapias con animais para nenos con problemas. Ademáis, nestes terreos construirase un centro veciñal para a aldea de Santiago de Amoroce, que aínda non dispón dun.

O que da de si o monte!

primavera1toxos2

As fotos máis verdes (de primavera) foron cedidas por Facenda O Agro, o resto son mmiñas :)