Pasta con grelos e salchichas

Os grelos son un dos clásicos do inverno, e despois de facer a receita dunha lasaña, continuamos a "italianizar" este ingrediente tan galego.

Aínda que é bastante coñecido que os grelos se usan noutros lugares para alimentar o gando, hai moitos sitios onde a xente tamén os come, entre eles , Nápoles. Alí chámanos friarelli e cómense refogados en aceite e allo, na pizza ou con pasta, coma nesta receita, que é unha adaptación doutra que atopei por Internet (normalmente poño a ligazón, pero desta vez non me lembro). Para facelo usei orecchiette, que son  típicos do sur de Italia, pero calquera pasta curta valerá: laciños, tiburóns, etc

Se queredes facer máis pratos de inspiración italiana, podedes probar esta receita de aracinis de lacón e queixo, ou esta outra de pasta con espinacas e mascarpone. E de sobremesa, un infalible tiramisú.

Ingredientes (para dúas racións grandeiras)

400 de grelos frescos

160 gr. de pasta

2 salchichas frescas

1 dente de allo

1 cápsula de caiena (opcional)

Sal e pementa negra

3 ou 4 culleres de aceite de oliva virxe extra

Queixo parmesán

  1. Lavamos os grelos e cortámoslles o tallo e retiramos as follas amarelas, se as houbese.
  2. Cocemolos en auga fervendo durante 10 minutos. Escoámolos gardando a auga nun recipiente, ímola usar para cocer a pasta.
  3. Cocemos a pasta segundo as instruccións, deixando que quede "al dente", xa que despois ímola cocer un pouco máis.
  4. Nunha tixola grande botamos o aceite a quecer. Pelamos e cortamos o allo en láminas e fritímolo ata que quede dourado. Engadimos as salchichas cortadas en anaquiños e as sementes que haxa na guindilla de caiena e cociñamos durante 5 minutos  a lume medio.
  5. Cando as salchichas estean feitas, engadimos  os grelos, remexendo ben para que  se mesture todo. Despois botamos a pasta, mesturamos todo e servimos ben quente cun pouco de queixo por riba.

Que aproveite!

pasta_grelos_2


Coca de cabaciña con salchichas e pementos

Se, como di aquel, unha pizza é unha empanada mal feita, a coca sería unha versión aínda peor :D En realidade é moi semellante á pizza, só que non adoita levar queixo e a masa é un pouco distinta: ao principio as cocas eran o xeito de aproveitar a masa do pan que non levedara. O nome "coca" vén de la palabra kok do neerlandés, e ten o mesmo raigame que os cake inglés ou o kuchen alemán. Son típicas de Baleares, Cataluña e o Rosellón, e poden facerse doces ou salgadas.

Como o que eu quería era algo rápido, fixen un chisco de trampa e usei masa de follado xa feita. Para que non soba moito hai que pinchala cun garfo varias veces. Tamén podedes usar masa tipo brisa, ou facela vós segundo esta receita en vídeo. Respecto ás salchichas, eu usei as tipo nuremberger, que son as que máis me gustan, pero valen de calquera tipo.

Ingredientes para unha coca de 28 cm. de diámetro aprox)

Un paquete de masa de follado redonda

1 cabaciña grande

150 gr. de pementos de piquillo

4 salchichas pequenas cortadas en rodas

Aceite de oliva ao gusto

Sal e pementa

  1. Sacamos a masa da neveira e deixámola repousar 5 minutos. Pinchámola varias veces co garfo.
  2. Prequentamos o forno a 180º
  3. Quitámoslle a tona á cabaciña cun pelador. Eu deixo un pouco porque queda logo máis bonito, pero vai a gustos. Cortámola ao longo pola metade.
  4. Facemos lonchas finiñas (2-3 milímetros) ao longo co mesmo pelador. Pódese facer cun coitelo, pero leva máis tempo.prep1
  5. Botámos un pouco de aceite de oliva encima da masa, estendémolo cunha espátula ou culler.
  6. Engadimos a cabaciña, as salchichas e os pementos cortados en anacos finos. Botamos un chisco de aceite por riba, preferentemente en espiral ou facendo zigzag, para repartilo mellor. Engadimos un pouco de sal e pementa.
  7. Cocemos no forno durante 25 minutos ou ata que as beiras douren e as verduras queden brandiñas.

Que aproveite!

coca