Compota de pavías

É tempo de pavías! E de tomates, patacas, uvas, etc. O caso é que ás veces xúntanse moitas e hai que buscar un xeito diferente de cociñalas, coma esta compota con viño tinto: sinxela, barata e rápida! Se queredes máis receitas de compotas, tendes esta de mazá con cardamomo

E vós, que facedes cas pavías? As ideas son benvidas nos comentarios :)

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

500 gr. de pavías

250 ml. de viño

60 gr. de azucre

Un pauciño de canela

  1. Lavamos as pavías e metémolas en auga fervendo durante 3 minutos, para escaldalas e que a pel saia mellor.
  2. Retirámolas e secámolas.
  3. Na mesma pota, limpa, cocemos o viño co pau de canela a lume medio, durante 3 minutos, despois engadimos o azucre a modiño, mentres remexemos para que non se pegue. Deixámolo cocer 5 minutos, ata que espese. Retiramos
  4. Pelamos as pavías e cortámolas en anacos pequenos.
  5. Botámolas na pota e volvemos cocer a lume medio durante 5 minutos. Quitamos o pau de canela.
  6. Estará máis bo ao día seguinte, pódese tomar quente ou do tempo!

"Clafoutis" de mazá

O clafoutis é un doce orixinario da rexión francesa de Limousin, onde hai moitas e moi afamadas cereixas. A receita tradicional é con esa froita, pero hoxe en día son populares as variacións con amorodos, ameixas ou neste caso, mazás. A singularidade é a súa textura, non se parece a un biscoito senón a unha mestura entre un flan e un panqueque. Soa raro, mais está moi bo.

E un doce moi sinxelo e saboroso, que sabe mellor 24 ou 48 horas despois de facelo. Se vos gustan os doces con mazás, podedes pasarvos por esta receita de masa de follado con mazás caramelizadas, ou por esta outra de compota de mazá con lima e cardadamomo.

Ingredientes (dá unhas oito racións)

Para a parte de abaixo:

4 mazás

2 culleres de azucre moreno

2 culleres de zume de limón

2 culleres de manteiga + un chisco para o molde

1/2 culleriña de canela

Para a parte superior (masa):

Un iogur natural

85 ml de leite

3 ovos

80 gr de fariña

80 gr. de azucre

1/2 culler de extracto de vainilla

Un belisco de sal

  1. Prequecemos o forno a 190º, con calor arriba e abaixo.
  2. Untamos un molde redondo de 25 cm. de diámetro (aprox) cun pouco de manteiga.
  3. Pelamos as mazás, quitámoslle o carozo (a parte central cas sementes) e partimos cad unha en 16 anacos en vertical.
  4. Botámolas nun bol grande e mesturámolas co zume de limón.
  5. Botamos a manteiga nunha tixola e quecémola a lume medio, despois botamos as mazás e deixamos cocer 5 minutos, ata que comecen a transparentar.
  6. Botamos o azucre moreno e a canela e remexemos ben para que se mesture.
  7. Deixamos cocer 10 minutos, cunha tapa por riba.
  8. Sacámos a tixola do lume e deixamos arrefriar.
  9. Nun bol grande batemos os ovos co iogur, o leite e mailo extracto de vainilla. Cando estean ben batidos, engadimos o azucre e o sal, e despois a fariña: mellor tamizada cun escoador.
  10. Botamos as mazás cocidas no molde do paso 2, e despois engadimos a masa por riba.
  11. Cocemos no forno durante 45 minutos, vixilando que non se pase. Ha de quedar firme e dourada por riba e polas beiras.
  12. Servimos morna ou deixámola estar ata o día seguinte, que ha de saber mellor. Eu decoreina cun pouco de azucre glas, pero isto é opcional.

Que aproveite!


Cheesecake con marmelada de níspero

Despois dun pequeno retraso (estas semanas xuntaseme moito traballo, e teño menos tempo para actualizar do que me gustaría), voltamos cunha sobremesa moi xeitosa: cheesecake con marmelada de nísperos! En realidade pode ser de calquera sabor, os máis parecidos a este serían a marmelada de ameixa ou a de albaricoque, pero se vos gusta experimentar, probade con laranxa amarga, ou cenoura, seguro que está boísima.

O queixo crema que useo foi o Philadelphia, pero podedes usar outro tipo, coma o mascarpone. Nas fotos a base sae un chisco esfarelada porque só estivo no frigorífico 6 horas, se a deixades toda a noite, evitaredes ese problema. Se queredes ver máis doces sen forno, pasádevos por esta receita de mousse de manga, ou esta torta de mousse de chocolate e café!

Ingredientes (para 8-10 racións, un molde de 24 cm de diámetro)

300 gr. de queixo crema

250 gr. de marmelada

200 ml de nata de bater (35% MG)

100 gr. de azucre

Zume de dous limóns

3 follas (ou medio sobre) de xelatina neutra

Para a base

200 gr de galletas tipo Dixestive

85 gr. de manteiga tépeda

50 gr. de améndoa moída

  1. Nunha trituradora, ou a man, picamos as galletas moi finiñas, mesturámolas ca améndoa e a manteiga.
  2. Colocamos papel de forno no molde desmontable e estendemos a masa do paso 1, apretando cunha culler ata que quede unha superficie lisiña. Gardamos no frigorífico.
  3. Disolvemos a xelatina en 60 ml de auga.
  4. Nunha tixola botamos dúas culleres de marmelada, a xelatina (se son láminas quitádelle a auga) e o zume de limón. Quecemos a lume alto ata que ferva, apagamos e deixamos arrefriar.
  5. Nun bol grande batemos a nata, tendo conta que non monte de todo, interésanos que quede un pouco solta.
  6. Noutro bol, mesturamos o queixo crema co contido da tixola. Remexemos a modiño ata formaren unha masa homoxenea.
  7. Engadimos a nata en dúas ou tres quendas, mentres batemos cunhas variñas.
  8. Sacamos o molde do frigorífico e estendemos o contido do bol alisándoo cunha culler por riba.
  9. Deixamos repousar a lo menos 8 h.
  10. Estendemos o resto da mermelada, e xa está listo para servir.

Que aproveite!

cheesecake-nisperos-1


Mega-galleta de noces

Agora que vai frío e za esquecemos as enchentas de Nadal, toca unha larpeirada perfecta para facer un domingo pola tarde e ter doce para toda a semana. Como é tan doada, é ideal para facer cos cativos, que de seguro han disfrutar facéndoa e sobre todo, rachándoa logo para comela :)

Se sodes tan fans das galletas caseiras coma min, pode que vos interese a receita destas cookies de chocolate, ou de  pexego e noces de Macadamia. Ou de manteiga e vainilla. En todo caso, hai unha sección adicada a elas, só tendes que premer nesta ligazón. PD: Quero aproveitar para darlle as grazas á miña nai pola receita, e por facer a mostra que vedes nas fotos!

Ingredientes (para unha galleta do tamaño dunha bandexa pequena)

200 gr. de fariña (de trigo, normal)

200 gr. de azucre

200 gr. de manteiga

2 ovos

1 culleriña de fermento químico (tipo Royal)

Unha taza de noces peladas e picadas, (pero non moídas!)

Un belisco de sal

  1. Deixamos a manteiga a a temperatura ambiente e mesturámola co azucre.
  2. Engadimos os ovos enteiros, sen batilos antes. Remexemos cun garfo durante 1 minuto.
  3. Engadimos a fariña mesturada ca levadura e batimos un pouco máis co garfo. Por último, engadimos as noces-
  4. Prequecemos o forno a 180º, por arriba e por abaixo.
  5. Colocamos papel de prata, ou de forno, sobre unha bandexa negra de forno.
  6. Estedemos a masa coa axuda dunha culler, tendo conta para que non quede moi pegada aos bordes.
  7. Cocemos no forno a altura media, se torra moito por riba, baixamos a temperatura a 150º.
  8. Cando estea ben dourado por riba, sacámolo do forno e deixamos arrefriar nun mesado.
  9. Imos collendo anacos segundo apeteza.

Que aproveite!

galleta-noces

galleta-noces-2


Mousse de limón

Esta sobremesa é unha ledicia, especialmente despois dunha boa paparota! A mousse é dixestiva e lixeira, ideal para facer nestas festas; esta ten un sabor a limón intensísimo: tanto, que se non vos gusta así e queredes que quede máis suave, probade a botarlle un limón no canto de dous. A receita é unha adaptación desta outra.

A miña recomendación é que a deixedes repousar no frigorífico toda a noite, se non tendes tempo, polo menos dúas horas. Se sobra, pode gardarse ben na neveira dous ou tres días. Se vos gustan as mousses, botádelle un ollo a esta de manga, ou a esta torta de mousse de chocolate e café. Se por casualidade tendes limóns de sobra na casa, pode que vos interese este artigo: Cinco trucos para facer cun limón.

Ingredientes (para 4-6 racións)

3 ovos grandeiros

2 limóns

200 ml de nata para bater

200 gr. de azucre

6 culleres de auga

10 gr. ( un sobre, ou 6 láminas) de xelatina neutra

Un belisco de sal

Aménodas picadas, para a decoración

  1. Relamos os limóns e facemos zume deles.
  2. Separamos os ovos en claras e xemas.
  3. Nun bol grande botamos as xemas, o azucre, o zume e o relado de limón. Batemos todo ata que aclare a cor e teña unha consistencia homoxénea.
  4. Quecemos a auga nun prato fondo, no microondas. Cando estea quente, pero non fervendo, botamos a xelatina e remexemos ben cunha culler, mellor de metal.
  5. Batemos a nata nun bol ata que faga "piquiños" na superficie. Lembrade que cando máis fría estea de antes, mellor vai subir.
  6. Xuntamos a xelatina ca nata, tendo conta que non queden grumos. O mellor é bater a man cunha batedora de variñas, a modiño.
  7. Botamos esta mestura no bol do paso 3, repetimos o procedemento.
  8. Batemos as claras e mailo sal a punto de neve.
  9. Repetimos o paso 6, batendo con movementos amplos para non estragar demasiado o punto de neve.
  10. Botamos nuns vasos de cristal, tapámolos e deixamos repousar alomenos dúas horas.
  11. Decoramos con reladura de limón, améndoas, noces, etc.

Que aproveite!

mousse_limon_4