Fermentando té na casa

Sabiades que se pode fermentar o té? Eu non, e cando oin falar da kombucha, unha bebida típica da zona de Manchuria, en China, tampouco o pensei moito no tema. O caso é que estase a facer popular pouco a pouco e un día un amigo comentoume que tiña un cultivo de sobras e así foi como me puxen co tema.

Neste caso, o té fermentase cun disco que parece un fungo, pero en realidade é unha colonia de lévedos e bacterias, coñecido coma scoby (do inglés symbiotic culture of bacteria and yeast). O resultado é unha bebida levemente gaseosa que sabe un pouco a sidra, está moito máis rica do que o seu aspecto suxire. Ten un pouco de alcol, pero non chega ao 1%.

Para facer a kombucha precisades té, azucre e un cultivo cun pouco de kombucha anterior. Véndense deshidratados por Internet, pero se preguntades en tendas ecolóxicas quizá vos poidan avisar de alguén que volo dea. Cada vez que facemos unha fermentación sae unha colonia nova, pero a vella pódese usar varias veces, así que pronto estará o mundo cheo delas :D

É importante que o té que usedes non leve engadidos, vale té verde, roxo ou negro, pero sen aceites nen froitas nen nada diso. A receita sería así (puxen varias fotos porque o proceso é fascinante e noxento a partes iguais, están ao final do artigo).

Ingredientes para litro e medio de kombucha:

Litro e medio de auga

4 ou 5 bolsiñas de té

100 - 125 gr. de azucre

Unha colonia "scoby" e un pouco de kombucha xa feita

  1. Fervemos a auga e apagamos o lume.
  2. Cando deixe de ferver, engadimos o té e deixámolo estar segundo as instruccións do fabricante.
  3. Engadimos o azucre e remexemos ata que disolva. Deixamos enfriar ata que acade temperatura ambiente.
  4. Botamos a mestura nun recipiente de cristal, e colocamos o scoby: Pode quedar flotando ou fundir, non pasa nada en ningún dos casos.
  5. Tapamos o recipiente e colocamoslle unha rolla limpa ou un pano de papel por riba e tensamola cunhas gomas elásticas.
  6. Deixámolo nun sitio aireado, sen luz directa e cunha temperatura estable que non baixe dos 18 graos. Detrás ou enriba da neiveira adoita ser bo sitio.
  7. Agardamos unha semana, destapamos e apartamos un pouco o scoby (que xa serán dous) e probamos cunha palla de plástico para ver se nos gusta o sabor. Cantos máis días estea, máis ácida e gaseosa quedará.
  8. Cando teñamos o sabor desexado, gardamos os scobys nun tupperware con 100 ml da kombucha. Iso pódese gardar no frogorífico, así estará en estado "durminte" ata a vindeira vez que queiramos facer kombucha. Poden quedar posos, é normal e pódense beber, pero se queredes que quede "limpo", pasádeo por un escoador de tea, dos de facer café de pota.
  9. Aguanta unha semana na neveira, máis ou menos, servímolo frío ou do tempo!
Así hai que tapalo
Os dous discos scoby. Ao final da fermentación sempre van quedar por riba.
Os scoby listos para a vindeira vez
"Kombucha" recén feita, co seu gas.

Que vos parece? Fariades kombucha na casa?

PD: Aproveito este artigo para facer publi de Radio Liverdade, onde colabora o amigo da kombucha (grazas Emilio!), é unha radio comunitaria de Ourense que ten programas ben interesantes :)


Cous cous doce con te, dátiles e granada

Aquí vai unha alternativa para os que estades fartos do arroz con leite, un cous cous moi cargadiño, que ten un sabor e unha historia moi especial. Igual que o polo con granada, é unha receita andalusí. Esta recuperouse faise relativamente pouco, ao mover unha mesa para redecorar un restaurante en Granada: cando o moble levou un golpe seco, abriuse un compartimento onde había un manuscrito con receitas antigas. A esta sobremesa chamáronlle o "prato das tres relixións" por seren apto para musulmáns, xudeus e cristiáns.

Ingredientes (para catro racións)
200 gr de cous cous
200 ml. de leite enteiro
1 granada
50 gr. de manteiga
1 culler de azucre
30 gr de dátiles en anacos (pódense cambiar por pasas)
Amendóas e avelás ao gusto (tamén valen noces ou piñóns)
Pel de medio limón ou de media laranxa
1 bolsiña de te clásico
Canela e azucre glas para decorar

  1. Lavar e cortar os dátiles en anacos pequenos. Deixar cinco ou dez minutos en auga para que abranden.
  2. Nunha pota poñemos o leite a ferver o azucre ca pel do limón e a bolsa de te durante cinco minutos.
  3. Cando o leite estea morno, retiramos a pel do limón e a bolsa de te.
  4. Engadimos o cous cous xunto ca manteiga derretida, remexemos e tapamos a pota. Remexemos de cando en vez  ata que os grans chunchen todo o líquido.
  5. Deixamos tapado o cous cous, colocando un pano entre a tapa e a pota para que manteña a humidade.
  6. Cando estea completamente cocido (ver instruccións do paquete) engadimos os grans da granada, os dátiles e os froitos secos: neste caso son avelás e noces, pero podedes botar tamén améndoas torradas, piñóns, etcprep2 prep1
  7. Remexemos cunha culler e servimolo a temperatura ambente, decorado cun chisco de azucre glas e canela moída.

cous1

Podedes ler a historia completa e a receita orixinal (que eu modifiquei un chisco ao meu gusto) neste artigo.

Que aproveite!