Madalenas de castaña e vainilla

Agora que vai tanto frío apetece quedar na casa e que mellor plan que facer unhas madalenas que sirvan de agasallo ou que solucionen uns cantos almorzos. Como presta comelas con café quentiño! Esta receita é moi doada, tanto que a podedes facer con nenos, seguro que se divirten fozando cos moldes de papel e o azucre :)

Se queredes ver máis receitas de madalenas, visitade a de madalenas con nata e noces, a de madalenas de chocolate, ou estas ben saudabeis de plátano e avea.

Ingredientes (para 14 madalenas, aprox.)

110 gr. de fariña de castañas

100 gr. de fariña de trigo

170 ml. de aceite de xirasol

100 gr de azucre normal

75 gr de azucre avainillado

60 ml. de leite (mellor se é gordo)

2 ovos

9 gr. de fermento químico

Un belisco de sal

Un chisco de azucre, avanillado ou non, para botar por riba

Utensilios:

Batedora de variñas

Moldes de papel para madalenas.

Moldes ou bandexa para madalenas

  1. Nun bol grandeiro botamos os ovos e o azucre, batemos ca batedora ata que aclare e teña unha textura esponxosa.
  2. Engadimos o leite, seguimos batendo.
  3. Engadimos o aceite aos poucos, mentres continuamos a bater.
  4. Nun prato fondo mesturamos as fariñas, o fermento e o sal, mesturamos cunha culler.
  5. Imos engadindo a mestura "sólida" á líquida mentres batemos, tendo conta de que non queden grumos.
  6. Tapamos cun film transparente e deixamos no frigorífico unha hora.
  7. Prequecemos o forno a 150º, por riba e por baixo.
  8. Colocamos os moldes de papel dentro dos de silicona (ou de metal, os que teñades) e enchémolos ata os 3/4, deixando marxe para que a masa suba. Esparexemos un chisco de azucre en cada madalena, formando una capa moi fina, para que logo quede crocante.
  9. Deixámolas cocer no forno durante 15 minutos, vixiando que non se pasen.
  10. Deixamolas arrefriar no mesado, e cando estean frías gardámolas nun tupperware ou nunha bandexa tapada cunha rolla.

Que aproveite!

 


Xeado de pexego con framboesa

Coñecedes o Peach Melba? é unha sobremesa bastante famosa nos países anglosaxóns, e consiste en pexegos cocidos nun xarope, acompañados dunha xelatina de framboesa todo sobre un xeado de vainilla. Débelle o nome á cantante de ópera Nellie Melba, a quen lle adicou o cociñeiro a súa creación.

A cousa é que eu non o coñecía e tampouco o probara, pero buscando receitas novas de xeado xurdiu unha que combinaba todo nun. Aproveitade para facelo, gardalo e lembrar nuns días as últimas calores do verán ;)

Ingredientes (para 600 ml de xeado)

2 pexegos, pelados, sen óso e cortados

200 ml de nata para bater (35% MG)

40 ml. de zume de pexego

40 ml. de leite enteiro (gordo)

60 gr. de azucre avainillado

Unha culler de zume de limón

Un belisco de sal

Para a pasta de framboesa

100 gr. de framboesas

Unha culler de ron

Dúas culleres de azucre de caña

  1. Nunha tixola, quecemos o zume de pexego, os anacos de pexego e o azucre a lume medio, ata que estean brandos.
  2. Deixamos arrefriar, lonxe do lume.
  3. Mentres, imos preparando a pasta de framboesa: nun bol mesturamos todo e esmágamolo cun garfo. Metemos no frigorífico
  4. Cando a mestura do punto 1 estea fría, botámola nun bol ca nata, o leite e o limón, pasamos a batedora ata que teña unha textura homoxénea e aveludada.
  5. Deixamos no frigrífico 1 hora, e despois metémolo 10 minutos no conxelador.
  6. Imos botando a mestura na xeadeira, seguindo as instruccions do fabricante.
  7. Estendemos nun recipiente de plástico, intercalando capas da pasta de framboesa. É recomendábel deixar repousar media hora no frigorífico antes de comelo.

Que aproveite!

xeado_pexego_2

xeado_pexego_1