Verduras asadas con soia

Como presta cociñar moito un día con tempo e gardar as cousas ricas para os vindeiros días! E o que fixen eu con estas saborosas verduras, que só precisan dun pouco de paciencia para lavalas e cortalas pero o resultado paga a pena, vaia que si.

Cousas a ter en conta: A soia normalmente leva moito sal, así que normalmente non cómpre botarlle máis (sabedes esa sede tola á noite despois de comer sushi? Pois é principalmente por iso :D). Outra cousa, que aprendín hai pouco, é que o talo do brócoli pódese comer. Só hai que lavalo ben e cortalo en rodas finas, xa que lle custa un pouco máis cocer que ás outras verduras.

Ingredientes (para 3 racións, ou 5 se vai de acompañamento)

Unha batata mediana

Un brócoli mediano

Media cebola

Medio bote de pementos de piquillo

3 ou 4 culleres de soia

3 ou culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Prequecemos o forno a 180º, con calor por riba e por baixo.
  2. Cucbrimos a bandexa negra do forno con papel de forno ou de prata.
  3. Lavamos e cortamos as verduras en anacos pequenos: a batata primeiro en rodas de 2 cm de grosor e despois cada roda en catro partes, por exemplo.
  4. Botamos todo nun bol grande e engadimos o aceite e maila soia (mesturada co comiño, se é o caso).
  5. Remexemos ben e estendemos na bandexa, procurando que quede todo xunto.
  6. Se queda líquido no bol, engadímolo por riba.
  7. Quecemos no forno durante 35-40 minutos, movendo as verduras de cando en vez para que lles dea ben a calor.
  8. Cando estean brandas e douradas polas beiras, sacámolas e servímolas.

E a vos, que verduras ao forno vos gustan?


Risotto de pemento e queixo de cabra

Os risottos son uns pratos que me gustan moito, e penso que non son tan populares como deberían. Pode ser que sexa porque moita xente pensa que é difícil, pero non é o caso, como xa demostramos con esta receita de risotto queixo e viño branco. Como tantas outras receitas, só precisa un chisco de paciencia.

Para facelos é recomendable usar un arroz especial, das variedades Arborio ou Carnaroli, podense atopar fácilmente en tendas a granel e grandes superficies. Son arroces de gran pequecho e que soltan moito almidón, o que contribúe á textura cremosa. Se non podedes compralo, usade un arroz normal de gran redondo, dos de paella ou arroz con leite.

Ingredientes (para 3 ou 4 racións)

250 gr de arroz arborio (ou arroz redondo)

Un litro de caldo de verduras

2 pementos vermellos

70 gr. de queixo rulo de cabra

Un allo porro grandeiro

Un dente de allo

4 culleres de aceite de oliva virxe

Media culleriña de tomiño

Unha semente de caiena (opcional)

Dous beliscos de sal

  1. Nunha tixola moi grande, ou nunha pota de base grande, quecemos o aceite de oliva e botamos o allo porro cortado moi finiño e os pementos cortados en dadiños pequenos. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar translúcidos.
  2. Botamos o arroz e remexemos cunha culler de pau ata que comece a estar translúcido tamén. Engadimos o sal e o tomiño (e a caiena, se procede).
  3. Engadimos 200 ml de caldo e remexemos ben ca culler de pau. Cando absorba o líquido, engadimos máis.
  4. Repetirmos a operación ata que non quede caldo: levará uns 20-25 minutos.
  5. Apagamos o lume e botamos o queixo en faragullas, remexendo ben.
  6. Servímolo quente.

Que aproveite!

 


Noodles con carne, verduras e soia

Xa sei que non é un prato moi típico destas datas (en realidade, de ningunhas :D) pero quería aproveitar que o outro día fixen uns noodles cunha receita taiwanesa e quedaron súper saborosos. En realidade aqueleina cos ingredientes que tiña máis a man, a receita orixinal é ésta, e leva moitas máis cousas...

Este é un prato que precisa un pouco de paciencia, sobre todo para cortaren todo ben picado, despois faise de contado! Se queredes abraiar a alguen cun prato distinto, estes noodles son ideais, tamén podedes substituir a vitela por polo (ou por froitos secos, se non queredes comer carne). E se non dades comprado noodles, empregade arroz branco, tamén está moi rico! As instruccións para cocer o arroz branco son éstas.

Ingredientes (para dúas racións grandes):

150 gr. de noodles (de trigo ou arroz)

150 gr. de carne de vitela, cortada en dadiños.

1 cebola pequena, mellor se é doce

1 dente de allo

Medio feixe de apio

150 gr. de cogumelos en conserva, cortados en anacos pequenos.

5 culleres de aceite de xirasol

Sal e pementa

Unhas ramiñas de herba limoeira ou de ceboliño, para a decoración.

Para o mollo:

150 ml. de auga, morna

1/2 pastilla de caldo de polo

3 culleres de mollo de soia

1 culler de vinagre de Módena

1 culler de azucre moreno de caña

  1. Cocemos  os noodles segundo as instruccións do fabricante.
  2. Nun bol pequeno, mesturamos os ingredientes do mollo, remexendo ben para mesturar. Deixamos repousar.
  3. Quentamos o aceite de xirasol nunha tixola grande, a lume medio. Cortamos as ramas do apio en rodas finas (ollo, as follas non se comen!) e botámolas a dourar. Facemos o mesmo coa cebola, mesturando todo durante 3 ou 4 minutos, ata que douren.
  4. Cortamos o allo o máis pequeno que poidamos, engadímolo á tixola.
  5. Botamos a carne a fritir cas verduras, durante 2 minutos, non ten que estar feita de todo aínda. Engadimos tamén os cogumelos ben cortadiños, remexendo ben.
  6. Engadimos o mollo, o sal e a pementa e deixamos que coza (sen chegar a ferver) durante 2 ou 3 minutos.
  7. Colocámos os noodles nun prato, botamos o preparado da tixola por riba e decoramos cas herbas cortadas en rodiñas finas.

Que aproveite!

 

noodles_3


Arroz con chícharos...e carne

As combinacións de arroz ou pasta con legumes e carne son unha aposta segura para conseguiren un prato doado e saboroso que inda por riba, dure varios días. Este é un prato ideal para facer moito e deixalo para levar nunha tarteira ou para a fin de semana, por se non apetece cociñar. ao dia seguinte estará máis bo ;)

Se vos gusta o arroz, prato cada vez máis extendido en Galicia (ao principio só se tomaba coma sobremesa, feito con leite e azucre) podédeslle botar un ollo a esta receita de arroz con ñoras e polo ou a este risotto con viño, que non leva carne.

Ingredientes (para 4 ou 5 racions)

200 gr. de arroz redondo

800 ml. de auga

1 dente de allo pelado, cortado á metade

8 culleres de aceite de oliva

500 gr de carne de vacun picada

250 gr de chícharos en conserva

100 ml. de viño branco

1 culleriña de sal

Pementa negra ao gusto

  1. Para facer un arroz branco, botamos tres culleres de aceite nunha tixola grande, quentámolas e despois botamos o arroz, o dente de allo, media culleriña de sal e un chisco de pementa. Remexemos ben e cando o arroz estea ben mesturado co aceite, botamos a auga.
  2. Quecemos a lume alto durante 10 minutos e a lume baixo outros 10. Retiramos e deixamos repousar na tixola.
  3. Noutra tixola, botamos o resto do aceite e cando quente, fritimos un chisco a carne. Engadimos o viño, os chícharos e un pouco de sal, e quecemos a lume baixo durante 15 minutos, ata que estea ben cocido e teña mollo.
  4. Mesturamos todo na tixola grande, quentámolo un pouco se queremos e... que aproveite!

 

arroz-con-chicharos2


Pizza rápida de xamón e brócoli

Canto mais se cociña, máis se aprende a aroveitar ingredientes soltos que andan no frigorífico ou na despensa. A idea para esta pizza xurdiu de comer o brócoli que quedaba dun xeito mís apetitoso que cas patacas cocidas ou de guarnición, e o resultado foi delicioso... Se non tendes brócoli, probade a substituilo por acelgas, espinacas ou grelos, ha queda ben seguro!

O da pizza rápida, igual ca empanada, é un dicir, depende de con que o comparemos. Se é cunha pizza precociñada é moi lento, pero comparado a facer unha pizza con 24 horas de antelación para que fermente ben, entón si que parece rápido. Se vos dicidides a facer esta receita, contade unha hora e media de antelación para darlle tempo a levedar e preparar todos os ingredientes.

Ingredientes (para 3 ou 4 persoas)

300 gr. de fariña de forza, máis un chisco para amasar (para isto vale a triga normal)

200 ml de auga morna

20 gr. de fermento fresco

Media culleriña de sal

Unha culler de aceite de oliva

Para a cobertura

2 ou 3 culleres de mollo de tomate

Unha bola de mozzarella

2 ou 3 "pólas" de brócoli cocido

75 gr. de xamón serrano ou paletilla

Unha presa de queixo relado (tipo emmental, gouda, etc.)

Unha presa de cebola crocante (das que se usan para hot dogs, é opcional)

Un belisco de sal

  1. A masa de pizza é moi doada de facer: Nun bol  grande botamos a fariña e o sal, remexemos e facemos un oco no medio. Disolvemos o fermento na auga e metémolo no burato xunto co aceite.
  2. Remexemos cunha espátula ata formaren unha masa pegañenta pero que se separe das mans. Estendemos un pouco de fariña no mesado e amasamos. Colocamos a bola de volta no bol e tapamos cunha rolla ou film transparente.
  3. Deixamola estar nun sitio tépedo (a carón dun radiador, por exemplo) ata que doble o seu tamaño. Ha tardar unha hora, aproximadamente.
  4. Cortamos papel de forno para que teña a medida da bandexa e colocámolo no mesado. Estendemos a masa e ca axuda dun rodillo ou botella (ou cos dedos) facemos un rectángulo cun grosor máis ou menos homoxéneo.
  5. Prequentamos o forno a 250º
  6. Cortamos a mozarella en rodas finas, o brócoli en anaquiños pequenos e o xamón en tiras.
  7. Estendemos o mollo de tomate, colocamos a mozarella, o brócoli, o xamón, o queixo relado e a cebola, se a queredes. Que quede todo ben repartido, deixando unha marxe dun ou dous centímetros para que non desborde. Repartimos o sal por riba.
  8. Cocemola a altura media durante 15 minutos, ou ata que estea dourada polas beiras.

Que aproveite!

pizza-rapida-brocoli-3  pizza-rapida-brocoli1