Pasta con espinacas e mascarpone

Unha receita sinxela adicada a todos aqueles que están fartos de comer a pasta con tomate/boloñesa/atún... Ademáis, é bastante lixeira e apta para vexetarianos. É unha versión simplificada desta.

Normalmente escribo un pouco de historia sobre o prato, pero como non sei se isto é típico (dame que non) non ten complicación ninguna e as fotos falan por si soas, desta vez a introducción quedou ben breve :D

Ingredientes (para 2 racións)

200 gr de pasta

200 gr de espinacas frescas

150 gr de queixo mascarpone

4 culleres de aceite de oliva

Queixo parmesano ao gusto

Noz moscada

Sal e pementa

  1. Cocemos a pasta segundo as instruccións do fabricante. Escoamos, pero gardamos un vaso da auga coa que cocemos.
  2. Nunha tixola grande poñemos o aceite a quecer. Engadimos as espinacas, sal e pementa. Tapamos e cocemos durante 5 minutos. Cando estean oscuras, botamos o mascarpone e medio vaso da auga da pasta e remexemos para que se mesture cas espinacas. Ten que quedar cremoso pero non liquido.pasta2 pasta1
  3. Mesturamos a pasta e as espinacas na pota. Se queda seco (é dificil de remexer ca culler de pau) engadimos o outro medio vaso de auga da pasta.
  4. Servimos nun prato fondo co queixo parmesán por riba.

Gústavos a pasta con verduras? E con peixe? Ou sodes máis da clásico boloñesa?

pasta4


Tiramisú

As orixes do tiramisú son incertas: hai que di que se inventou nun burdel para "animar" aos clientes, outros din que se lles daba ás mulleres que acababan de parir, ou aos mariñeiros de cea, cando chegaban de traballar. "Tira mi su" vén sendo algo así como "levantáme" en italiano, así que ten sentido para todas esas explicacións. O que si é seguro é que se trata dun postre moderno, dos anos 60, que se orixinou no Veneto e o Piamonte, malia que xa está estendido por toda Italia e máis aló!

Unha receita clásica, que se pon de moda cada certo tempo e que é moi doado facer na casa. E ademáis, non cómpre forno! Como é unha receita tan popular cada casa ten as súas versións. Esta é unha mestura entre un par de recomendacións de amigos italianos e os consellos deste artigo.

O de montar as claras é para que quede máis lixeiro, e se queredes que saia aínda máis leve, non engadades as xemas. Tamén podedes quitar o alcol, ou a pel relada do limón. O caso é ir probando ata que deades ca versión perfecta para vós!

Ingredientes (para 6- 8 racións)

400 gr. de queixo mascarpone

4 ovos

200 gr de biscoitos tipo savoiardi - tamén chamados de ovo, ou lady fingers por algunhas marcas

200 ml de café recén feito

75 gr. de azucre

2 culleres de ron dourado - tamén vai ben o viño de Porto

Cacao en po sen azucre, ao gusto de cada un

Un belisco de sal

Un chisco de pel relada de limón ou de laranxa - opcional

Utensilios: molde pouco fondo (mellor se é transparente), batidora de variñas.

  1. Separamos as xemas dos ovos e gardámolas nun vaso.
  2. Batemos as claras co sal ata que monten e queden duras, mellor se usamos unha batidora de variñas. Reservamos.
  3. Nun bol grande, batemos as xemas co azucre ata que quede unha masa pálida.
  4. Quecemos un chisco o queixo mascarpone no microondas (potencia media, ha de quedar tépedo) para que se mesture mellor.
  5. Engadimos o mascarpone pouco a pouco á masa das xemas, batendo para que non queden grumos.
  6. Engadimos a pel relada do limón se a queremos, e as claras a punto de neve. Batemos a man, para non quitar o ar e que a crema quede máis lixeira.tiramisu
  7. Nun prato fondo botamos o café e o alcol. Mollamos os biscoitos rapidamente (xa colleran a humidade cando repousen) e colocámolos facendo unha capa no molde.prep2
  8. Botamos unha capa da crema, cubrindo ben os biscoitos. Repetimos a o proceso para unha segunda capa de biscoitos/crema.prep3
  9. Esparexemos o cacao e deixamos o molde toda a noite no frigorífico.

Coñecedes máis versións do tiramisú? Contádeo nos comentarios!

tiramisu3 tiramisu5


Sopa de cabaza con ameixas refogadas

Unha sopa de outono para aproveitar as ameixas frescas. Seguro que xa fixestes sopa de cabaza algunha vez, nesta receita tentei darlle un toque diferente engadindo as ameixas refogadas, unha idea que saquei desta receita de El comidista.

Ingredientes (para 4-5 persoas)

1 quilo de cabaza

1/2 cebola

1 pataca grande

75 gramos de manteiga

Sal e pementa

Para a gornición:

6 ameixas

2 culleres de améndoa moída

1 culleriña de perixel

2 culleres de aceite de oliva

Azucre (opcional)

sopa_cabaza3

  1. Nunha pota grande botamos a manteiga e derretimola.
  2. Cortamos a cebola en rodas finas, botámola la tixola. Pelamos a cabaza, cortámola en dados e engadímola á tixola xunto co sal e a pementa. Co lume medio, deixamos que coza durante 20 minutos.
  3. Engadimos a auga ao contido da pota e tambén a pataca pelada e cortada. Deixamos cocer 40 min, proximadamente, a lume medio. Retiramos a sopa para logo.
  4. Quitámoslle o óso as ameixas e partímolas en 6 ou 8 anacos cada unha, dependendo do grandes que sexan. Nunha tixola a lume alto, pasámolas 30 segundos sen aceite, e despois engadimos as améndoas, o aceite e máis o perixel. Probamos, e se está acedo engadimos un chisco de azucre.
  5. Servimos a sopa en boles e decoramos cas ameixas.

Que aproveite!

sopa_cabaza2
Sopas xemelgas

 


Prasopita - Torta de porros e cebola

Andaba eu procurando unha receita para usar un feixe de porros que esmorecía no frigorífico e din con esta torta salgada orixinaria do noroeste de Grecia, moi doada de facer. Hai versións de pataca (Patatopita) ou de espinacas (Spanakopita), e adoita levar unha base-cobertura de filo: un tipo de follado, igual que o que se usa nos doces chamados baklavas. Eu non fixen porque quería algo rapidiño, se queredes ver como se fai (leva moito traballo) podedes consultar este fantástico video con música de Daft Punk.

É un pastel, que se pode comer quente ou do tempo, e está máis rico ao día seguinte. Velaiquí a receita:

Ingredientes (para 6 persoas):

8 culleres de aceite de oliva

3 ou 4 porros grandóns

Unha cebola mediana, ben picada

3 ovos

350 ml de leite (un vaso e medio)

250 gramos de queixo feta (atopable no LIDL)

200 gramos de fariña

Unha culler de aneto

Unha culleriña de ourego

Sal e pementa ao gusto

 

  1. Prequentar o forno a 180º
  2. Cortar os porros moi finiños e usar a parte branca, deixando a parte verde para facer un caldo, se queredes.
  3. Botar 6 culleres de aceite de oliva na tixola, quentar e botar o porro picado e a cebola ata que douren e estean tenros.
  4. Bater os ovos nun bol grande, engadir o queixo cortado en dadiños, a fariña, as especias e o porro ca cebola. Bater ben.
  5. Untar un molde co aceite de oliva (dúas culleres) e esparexer cun pano de mesa de papel. Verter a masa e cociñar no forno durante 45-60 minutos, dependendo do molde que esteades a usar.
  6. Deixar enfriar, estará máis bo ao día seguinte!
prasopita3
Preme na imaxe para vela máis grande

 

Que aproveite ;)