Peras bébedas

As peras bébedas foron un prato moi popular nos anos setenta e oitenta, e que sobrevive nas cartas dalgúns restaurantes, e na casa dos meus pais! A receita é de miña nai, está riquísima e é súper doada de facer, so precisades 3 ingredientes, unha horiña e un chisco de paciencia.

As peras deben estar firmes, se están moi maduras non valen: é recomendable usar "peras de inverno", que son as que teñen a pel marrón. Tamen se pode cambiar o viño normal por viño de Porto, rebaixando o azucre á metade .

A orixe desta receita non está clara, pero parece ser que a xente "antiga" quería aproveitar as peras e demáis froita dura, así que comezaron a cocela a lume lento, para que non se desfixese. Primeiro foi a auga e mailo azucre, e logo alguén (probablemente en Francia) pensou que sería boa idea botarlle viño... e o resto é historia ;)

Ingredientes (para catro racións)

4 peras grandeiras

4 culleres de azucre

200 ml. de viño tinto

1 rama de canela (opcional)

  1. Pelamos as peras, botámolas nunha pota co resto dos ingredientes. A pota que non sexa moi grande: ten que quedar o líquido pola metade das peras.
  2. Cocemos a lume medio ata que se evapore o viño e estean tenras e coloreadas. Isto depende moito da cociña, así que tomade como base 20 min e despois, o tempo que faga falta.
  3. Servimos co seu líquido, cando aínda estean tépedas.

Que aproveite!
peras_bebedas2

peras_bebedas3


Polo ao viño tinto

Despois dunhas semanas de "dieta branda" , voltamos ca acarne ao blo, desta vez cunha combinación moi especial: polo guisado ao viño tinto. A verdade é que está moi bo, e como o polo évos tan agradecido, podedes cambiar o viño por cervexa ou incluso cola, que seguro ha quedar ben tamén. Só hai que ter en conta dúas cousas: canto mellor o viño, máis sabedeiro o guiso (non é plan de usar un carísimo, pero tampouco San Simón) e que estará máis bo ao día seguinte.

Se vos gusta a carne de polo, non deixedes de botarlle un ollo a esta receita de polo rebozado con mel, ou a esta de polo asado con laranxa

Ingredientes (para 4 racións)

4 coxas ou contracoxas de polo

80 gramos de manteiga

Unha cebola grandeira

100 ml de viño tinto

Sal e pementa negra

  1. Pelamos e cortamos a cebola en rodas finas, de 5 mm. aproximadamente.
  2. Poñemos unha pota grande a lume medio e derretemos a manteiga. Hai que ir con ollo porque a  manteiga queima máis axiña ca o aceite, e entón non serviría.
  3. Douramos a cebola na mateiga durante 10 minutos, a lume medio.
  4. Botámoslle sal e pementa ás coxas de polo e pasámolas á pota para que douren. Cando estean dun lado, dámoslles a volta, que non quede ningunha parte crúa.
  5. Botamos o viño e deixamos quecer, sempre a lume medio, durante 20-30 minutos, dependendo do tamaño das pezas.
  6. Servimos acompañado de arroz, patacas, ou simplemente pan!

Que aproveite!

polo_vinho_3

 


Carne richada

A carne richada é un deses pratos que non coñecía para nada ata hai un par de anos. Non entendo moi ben como na zona Ourense a xente (case) nunca cociña isto, estando tan boa como esta. Como en todas as receitas tradicionais, hai 1000 versións diferentes e cada un di que a súa é a mellor: hai richada de Forcarei, da Peroxa, de Silleda, etc.

Eu fixen unha mestura de receitas que vin por aí e o meu gusto persoal: os pementos vermellos non me sentan ben e cambieinos polos de piquillo, que lle dan unha sabor doce moi interesante.

A miña recomendación principal é que a carne sexa moi boa e tenra: a que máis se emprega para este prato é a croca da vaca, pero vale calquera que non teña moito nervio nen moita graxa. Espero que vos guste, se tendes suxestións, ideas... deixádeas por favor nos comentarios!

Ingredientes (para 4 racións)

800 gr. de carne de vacún

100 gr. de tiras de pementos de piquillo

1 pemento verde

1 cebola grande

Unha presa de fariña de trigo

1/2 vaso de viño branco

Aceite de oliva

Sal e pementón (doce, picante ou mesturado: o que máis vos guste)

  1. Cortamos a carne en tiras pequenas, engadimos o sal e o pementón, rebozámolas na fariña. Retiramos a un prato.
  2. Cortamos a cebola e os pementos en tiras finiñas.carne_richada
  3. Nunha tixola quentamos o aceite e fritimos a cebola e os pementos a lume medio, ata que estean brandos. Retiramos a un prato.carne_richada3
  4. Engadimos un pouco máis de aceite na tixola e fritimos a carne, durante pouco tempo. Cando estea pasada polos lados (na foto, obvio, só esta lista por un), baixamos o lume e engadimos o viño branco. Cocemos durante 2 minutos máis. Mesturamos co pemento e a cebola, remexendo ben para que os sabores se mesturen.
  5. Servimos de seguida, acompañados de cachelos ou patacas fritidas, ao gusto de cada un!

carne_richada2

Que aproveite!

 


Grandes hits de Portugal

A pesares de que ir pasar o día e comer nun restaurante no norte de Portugal e moi común, aínda hai xente que non foi ao supermercado alí, quedando sen descobrir moita cousa rica. Eu ía moito a Ponte da Lima ou a Braga a pasar o día, comprar panos e toallas, comer e ir ao super. Os meus pais son moi fans de Portugal, e estando en Ourense é moi doado. Se estades en Ferrol ou en Ribadeo non tanto, pero paga a pena ir un par ou tres de días e coñecer o Peneda-Gerês, ou ir ata Porto, cidade sempre recomendable.

Dende que hai euros o ticket da compra non sae barato coma antes, pero aínda así presta probar cousas distintas que non se dan atopado no Froiz ou no Gadis. Velaiquí a lista das miñas favoritas, das que probei, claro:

Leite chocolatado Agros

O mellor batido de chocolate EVER. Só se distribúe no norte, se vos gustan os batidos e dades con el, comprade varios paquetes porque é moi adictivo.

agros

 

Zumes Compal

Outro clásico. Custan un euro e son moito mellores que todas as marcas españolas que venden a ese prezo. Os meus favoritos son o de pexego, manga e o de pera da Rocha (ambrosía!) pero hai moitos sabores donde escoller.

 

compal1

Manteiga das Açores

É unha manteiga salgada e moi cremosa. Eu tomoa soa con pan, estña riquísima, pero tamén vai ben para botarlle a masas e biscoitos.

manteiga

 

Bolinhos de arroz

Estos é mellor compralos na pastelería, magdalenas feitas de fariña de arroz, cunha textura un pouco seca que as fai ideais para mollar. Recomendable tomalas con leite Agros, fan un tremendo combo.

bolinhos

Queixos variados

Aquí non vos podo dicir marcas porque hai moitas, os da foto probeinos e están moi bos. O tamaño é ideal para dúas racións (unha se tedes moita ansia) e así non hai risco de que queden resesos no frigorífico. Que tomen nota outros fabricantes!

queijo2 quejo

Paté de sardiña

A min gustame moito PERO é unha desas cousas cun sabor tan intenso que non hai termo medio: ou che encanta, ou quedas aborrecido. Imprescindible un bo pan para acompañar.

pate_de_sardinha

Molho piri-piri

Os portugueses levaron o invento de Mozambique e agora o prebe é un indispensable nas casas portuguesas. Piri piri quere dicir pementa en Swahili, o ingrediente principal son grans secos de pementa caiena, con pel de limón, allo, cebola, ourego e máis especias. Vai moi ben para adobar gambas ou polo ao forno, coma nesta receita

piri-piri

Vinho de Porto

Outro clásico das compras, as botellas que duran anos e anos na casa porque só se utiliza como viño de postre de cando en vez. Eu aínda non probei a facelas, pero hai receitas de carnes e postres que o usan, como esta de peras bébedas. A marca de abaixo no a probei porque é moi cara, pero hai para escoller vinhos de moitos prezos.

porto

Salame de chocolate

Mención especial para esta gran recomendación de Xabier Rolán que por algún motivo eu non descubrira, e son de dente doce :D Véndese na sección de refrixerados e leva anacos de galleta. Sabe parecido ás tortas de cumpreanos de galleta e chocolate, e ten unha textura densa. As 199 calorías son por roda, e no paquete veñen 9 ou 10...

salame1

E vós, que comprades? Sabedes de máis produtos? Dade aviso nos comentarios, no Facebook ou no Twitter!

Actualización: Esquecera o máis coñecido! Se ides a pastelería a polos bolinhos de arroz, non podedes marchar sen levar pasteis de nata, ou como lle chamaba eu antes: os queimadiños.

pasteis_de_nata


Pescada ao forno con viño branco

Chegou a primeira receita de peixe do blog! Se vos pasa coma a min e tendes perguiza de cociñalo, apuntade isto, que é moi doado e sae ben bo.

Ingredientes (para 4 persoas):

1 quilo de pescada

1 cebola grande

3 patacas grandes

250 de cenouras

1 lata de chícharos

Medio vaso de viño branco

Sal e perexil

Aceite

  1. Pedide na peixaría a pescada sen espiñas. Daránvos dous lombos.
  2. Pelamos as patacas e cortámolas en láminas de entre 0,5 e cm de grosor. Fritimolas un chisco en aceite ata que douren polos dous lados. Reservar nun prato aparte.
  3. Prequentamos o forno a 170º.
  4. Sacamos o aceite da sartén e botamos a cenoura cortada en tiras e a cebola (cortada finiña tamén) na tixola.
  5. Nunha fonte, facer unha "cama" de patacas, cenoura, cebola e os chícharos escorridos. Colocamos a pescada por riba e engadimos dúas ou tres culleres de aceite de oliva, sal e perexil.
  6. Metemólo no forno e despois de 10 minutos, cando comece a secar por riba, botamos o viño branco. Deixamos cocer 10 minutos máis.

DSC05001

Que aproveite!