Xeado de pexego con framboesa

Coñecedes o Peach Melba? é unha sobremesa bastante famosa nos países anglosaxóns, e consiste en pexegos cocidos nun xarope, acompañados dunha xelatina de framboesa todo sobre un xeado de vainilla. Débelle o nome á cantante de ópera Nellie Melba, a quen lle adicou o cociñeiro a súa creación.

A cousa é que eu non o coñecía e tampouco o probara, pero buscando receitas novas de xeado xurdiu unha que combinaba todo nun. Aproveitade para facelo, gardalo e lembrar nuns días as últimas calores do verán ;)

Ingredientes (para 600 ml de xeado)

2 pexegos, pelados, sen óso e cortados

200 ml de nata para bater (35% MG)

40 ml. de zume de pexego

40 ml. de leite enteiro (gordo)

60 gr. de azucre avainillado

Unha culler de zume de limón

Un belisco de sal

Para a pasta de framboesa

100 gr. de framboesas

Unha culler de ron

Dúas culleres de azucre de caña

  1. Nunha tixola, quecemos o zume de pexego, os anacos de pexego e o azucre a lume medio, ata que estean brandos.
  2. Deixamos arrefriar, lonxe do lume.
  3. Mentres, imos preparando a pasta de framboesa: nun bol mesturamos todo e esmágamolo cun garfo. Metemos no frigorífico
  4. Cando a mestura do punto 1 estea fría, botámola nun bol ca nata, o leite e o limón, pasamos a batedora ata que teña unha textura homoxénea e aveludada.
  5. Deixamos no frigrífico 1 hora, e despois metémolo 10 minutos no conxelador.
  6. Imos botando a mestura na xeadeira, seguindo as instruccions do fabricante.
  7. Estendemos nun recipiente de plástico, intercalando capas da pasta de framboesa. É recomendábel deixar repousar media hora no frigorífico antes de comelo.

Que aproveite!

xeado_pexego_2

xeado_pexego_1


Xeado de chocolate negro

Despois do éxito das receitas do xeado de cheesecake ou o de lima e alfábega, hoxe traemos un xeado máis tradicional que de seguro ha gustar a todo o mundo: xeado de chocolate negro! Para un resultado espectacular é mellor investir nun chocolate de calidade, que teña a lo menos un 70% de cacao.  A marca Lindt é moi boa, así coma a "JD Gross", que venden nos supermercados Lidl. Para facer contraste acompañarémolo dunha mermelada de framboaesa ou laranxa amarga, que combinan moi ben co chocolate.

Veredes que a receita non especifico o tipo de leite nin de nata, porque isto depende moito da graxa que lle queirades meter. Eu fíxeno con leite desnatado e nata 20% MG porque era o que tiña na casa, pero canta máis cantidade de graxa, máis aveludado ha quedar. Ollo: precísase unha máquina de facer xeados.

Ingredientes (para 3/4 de litro, máis ou menos)

500 ml. de leite

200 ml de nata

150 gr. de azucre

125 gr. de chocolate negro

4 xemas de ovo

65 gr. de cacao en po

1 culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

Améndoas, marmelada de framboesa ou laranxa amarga para acompañaren

  1. Botamos o leite e a nata nunha tixola ben grande. Quecemos a lume medio, e disolvemos o chocolate e mailo cacao en po. Retiramos do lume.
  2. Nun bol, batemos as xemas de ovo durante 1 minuto. Despois engadimos o azucre e batemos ata que colla unha textura pastosa e aclare a súa cor.
  3. Botamos un cuarto da mestura da tixola, aos poucos para que non calle o ovo de todo, e remexemos ben ata que non se distingan as dúas texturas.
  4. Botamos o contido do bol de volta na tixola, e quecemos de novo a lume medio, remexendo cunha culler de pau ata que espese. Para que vos fagades unha idea, ao pasaren o dedo pola culler, ten que quedar unha liña limpa, sen que a mestura se volte xuntar inmediatamente no medio da liña.
  5. Engadimos o sal e o extracto de vainilla, remexemos.
  6. Deixamos arrefriar e metemos no frigorífico durante unha hora.
  7. Metémolo na máquina de xeados segundo as instruccións do fabricante, ata acadar a textura desexada. Normalmente para que quede firme cómpre deixala entre 45 min e unha hora.
  8. Unha vez feito, o xeado aguanta 3 ou 4 días no conxelador, metido nun recipiente con tapa. Lembrade sacalo 10 minutos antes de comelo para desgustalo ao máximo.

Que aproveite!

xeado-choco-2


Xeado de iogur natural

Vai chegando a calor e con ela as ganas de facer larpeiradas frías. A desta semana é súper doada de facer: xa sei que digo isto a cotío pero desta vez é moi certo! Co que custa un frozen yoghurt dos que venden nos centros comerciais sae unha sobremesa para 5 ou 6.

Se preferides o xeado máis tradicional, podédeslle botar un ollo a este de vainilla e queixo Philadelphia, a este de cereixas e chocolate negro, ou a este de lima e alfábega, moi refrescante!

Ingredientes (para 600ml de iogur)

3 iogures naturais (non desnatados)

1 iogur grego

50 gr. de azucre

50 gr. de azucre de caña (pódese cambiar polo normal)

Zume de medio limón

Un belisco de sal

  1. Nun bol grandeiro, mesturar os iogures e o azucre ata que este disolva. Despois engadimos o zume e mailo sal:. Non vos preocupedes pola acidez: ao conxelaren, os sabores "acougan" e non se notan tanto.
  2. Metemos a mestura na máquina de facer xeados ata que saia unha textura cosistente. Normalmente tarda 45 min-1 hora, consultade as instruccións do fabricante. Se non tendes máquina, botade a mestura nun tupper pouco fondo e metédeo no conxelador. Despois dunha hora, remexede cunha culler de pau, así ata 3 ou 4 veces, para que a masa non cristalice.
  3. Cocolámolo nunha cunca 10 ou 15 minutos antes de servir, acompañado de marmelada ou confitura de froitos vermellos.

Que aproveite!!

frozen_yogourt3

frozen_yogourt2


Xeado de lima (e alfábega)

Este verán aínda non usara moito a xeadeira, e andaba a darlle voltas a que sabores podía facer na casa. Lembrei que unha vez probara a combinación de lima e alfábega nunha xeadería e non podo estar máis contenta co resultado! Unha crema refrescante e non moi doce, perfecta para o verán! A cor beis que ten é porque usei azucre de caña, se usades o normal ha quedar branca coma a neve.

Se non tendes alfábega (ou parécevos  moi atrevido o meter prantas nun xeado) podédelo deixar de lima soa, ou engadirlle raspas de limón ou de chocolate negro. Se vos gusta o sabor desta froita, botádelle un ollo a esta gorentosa torta fría.

Ingredientes (para 5-6 racións)

200 ml. de nata para bater (35% MG)

150 ml. de leite enteiro

160 gr. de azucre

Zume e pel relada dunha lima

6 ou 7 follas de alfábega

1 culler de mel (opcional)

  1. Mesturamos todos os ingredientes agás a alfábega nun bol, e deixamos arrefriar na neveira.
  2. Imos introducindo a mestura aos poucos na xeladeira. Despois engadimos a alfábega en anacos, que se mesture, pero que non rompa demáis. Se non tendes máquina xeladeira metédeo nun recipiente no conxelados e remexede cada 30 min, para que non cristalice.
  3. Servimos decorado cunha folla de alfábega. Se sobra, aínda aguantará dous ou tres días no conxelador.

Que aproveite!

xeado_lima1

 


Sorbete de melón e mel

Chega o verán e con el as noticias da calor que fai! Como non podemos facer moito para cambiar isto, imos botar man dun refrescante sorbete! É a primeira vez que o fago coa máquina xeadeira e a verdade é que o resultado foi moi bo. Se non tendes, podedes facer a mestura igual e gardala no conxelador, remexendo cada 30 minutos ou media hora, igual cos xeados normais.

O truco para obter un bo sorbete é que o melón estea maduro, para ir mercar un recoméndovos que o cheiredes primeiro, os maduros teñen ese arrecendo característico tan bo (os outros non cheiran a nada). Outro xeito de saber a "madurez" do melón é premer cun dedo na parte que se une ca mata, se cede é que está no punto óptimo.

Ingredientes (para 4-6 racións)

1/4 de melón, variedade "piel de sapo"

1 vaso de auga

1 culler de mel,

2 se o melón non está doce dabondo.

Un chisco de canela (opcional)

  1. Cortamos e pelamos o melón, retirámoslle as sementes. Cortamos en dadiños de 2 cm. de grosor.
  2. Nun bol metemos todos os ingredientes e pasámolos pola batedora ou trituradora ata facer un líquido homoxeneo.
  3. Deixámolo arrefriar na neveira unha hora.
  4. Botámolo aos poucos na máquina xeadora.
  5. Servimos en vasiños, axiña, para que non derreta.

Que aproveite! sorbete_melon1