Tiramisú

As orixes do tiramisú son incertas: hai que di que se inventou nun burdel para “animar” aos clientes, outros din que se lles daba ás mulleres que acababan de parir, ou aos mariñeiros de cea, cando chegaban de traballar. “Tira mi su” vén sendo algo así como “levantáme” en italiano, así que ten sentido para todas esas explicacións. O que si é seguro é que se trata dun postre moderno, dos anos 60, que se orixinou no Veneto e o Piamonte, malia que xa está estendido por toda Italia e máis aló!

Unha receita clásica, que se pon de moda cada certo tempo e que é moi doado facer na casa. E ademáis, non cómpre forno! Como é unha receita tan popular cada casa ten as súas versións. Esta é unha mestura entre un par de recomendacións de amigos italianos e os consellos deste artigo.

O de montar as claras é para que quede máis lixeiro, e se queredes que saia aínda máis leve, non engadades as xemas. Tamén podedes quitar o alcol, ou a pel relada do limón. O caso é ir probando ata que deades ca versión perfecta para vós!

Ingredientes (para 6- 8 racións)

400 gr. de queixo mascarpone

4 ovos

200 gr de biscoitos tipo savoiardi – tamén chamados de ovo, ou lady fingers por algunhas marcas

200 ml de café recén feito

75 gr. de azucre

2 culleres de ron dourado – tamén vai ben o viño de Porto

Cacao en po sen azucre, ao gusto de cada un

Un belisco de sal

Un chisco de pel relada de limón ou de laranxa – opcional

Utensilios: molde pouco fondo (mellor se é transparente), batidora de variñas.

  1. Separamos as xemas dos ovos e gardámolas nun vaso.
  2. Batemos as claras co sal ata que monten e queden duras, mellor se usamos unha batidora de variñas. Reservamos.
  3. Nun bol grande, batemos as xemas co azucre ata que quede unha masa pálida.
  4. Quecemos un chisco o queixo mascarpone no microondas (potencia media, ha de quedar tépedo) para que se mesture mellor.
  5. Engadimos o mascarpone pouco a pouco á masa das xemas, batendo para que non queden grumos.
  6. Engadimos a pel relada do limón se a queremos, e as claras a punto de neve. Batemos a man, para non quitar o ar e que a crema quede máis lixeira.tiramisu
  7. Nun prato fondo botamos o café e o alcol. Mollamos os biscoitos rapidamente (xa colleran a humidade cando repousen) e colocámolos facendo unha capa no molde.prep2
  8. Botamos unha capa da crema, cubrindo ben os biscoitos. Repetimos a o proceso para unha segunda capa de biscoitos/crema.prep3
  9. Esparexemos o cacao e deixamos o molde toda a noite no frigorífico.

Coñecedes máis versións do tiramisú? Contádeo nos comentarios!

tiramisu3 tiramisu5


Comments

  1. Haberá que probar! (Unha cousiña nada máis, o que usamos para batir é o batedor!) Parabéns por esta marabilla de blog 😀

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *