Torta de cereixas Twin Peaks

Os que listes o artigo de facer café na casa xa sabedes que son fan de Twin Peaks, así que desta vez tocaba facer a receita de torta de cereixas do Double R, que tanta gula me daba ao vela na serie.

Aproveitade agora que as cereixas están on fire, que con conservas non quedará tan rica. Hei de dicir que fixen trampas e desta vez usei masa xa feita (masa brisa, de 32 cm. de diámetro, na sección de refrixerados), porque non está o tempo como para andaren amasando manteiga na cociña. De tódolos xeitos, déixovos a receita da masa por se queredes facer todo caseiro.

Ingredientes (para un molde de 18 centímetros, catro ou seis persoas)

500 gr de cereixas picotas

Zume de medio limón

1 culler ben chea de Maizena

1 rama de vainilla

50 gr. de azucre glass

Un chisco de azucre para decorar

Para a masa:

75 gr. de manteiga

125 gr. de fariña

15 gr (unha culleriña) de azucre glass

1 ovo

Media culler de auga

twinpeaks4

  1. Para facer a masa, botar a fariña, a manteiga e o azucre nun bol, remexer cos dedos ata que se fagan boliñas (non unha pasta uniforme). Engadir o ovo e a auga e seguir remexendo, sen amasar. Tapar cun film de plástico e gardar no frigorífico polo menos 30 minutos.
  2. Esto é o que máis amola: quitarlle o rabo e o óso ás cereixas. Para facer esto último sen rompelas, hai que ter un pau fino e empurrar con el no cú da cereixa ata que o óso saia polo oco do rabiño. Podedes ver unha foto do proceso nesta ligazón.
  3. Botar as cereixas nunha pota co zume do limón e a rama de vainilla. Ir remexendo pouco a pouco para que solten o zume.
  4. Cando a compota estea branda – aproximadamente despois de cocer 30 min- engadir a Maizena pouco a pouco, coa axuda dun coador para que non queden grumos.
  5. Untar un molde cun par de pingas de aceite de xirasol ou manteiga. Estender a masa nel e recortar o que sobre polos bordes.
  6. Botar a compota, lembrade que hai que retirar a rama de vainilla.
  7. Estender a masa nun círculo e tapar a compota.  Se sobra masa dos lados, dobrar cara adentro. Botar o azucre por riba para decorar.
  8. Cocer no forno a 180º aprox durante 30 min ou ata que os bordes queden marrón claro. Se a masa non está ben selada nos bordes, cando a compota de cereixa ferva sai polos bordes. A min pasoume, como podedes ver nas fotos.

Notas varias:

  • Deixar repousar unha noite, saberá mellor ao día seguinte!
  • Podedes sustituir a Maizena por fariña de améndoas. Quedará un gusto distinto, pero igualmente bó.
  • Se queredes consultar a receita orixinal, podedes facelo aquí (en inglés).
  • Igual que a torta de améndoas e cacao, esta casa ben con xeado de vainilla ou nata montada.


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *