Torta de laranxa, mandarina e améndoas

Xa queda pouco para o Nadal, e aproveito para recuperar unha receita que fixen hai un ano e tivo moito éxito entre os comensais en Noiteboa. Se estades fartos de polvoróns e turrón, ide xuntando o ingredientes para probar isto!

Ten un puntiño amargo, porque leva a pel dos cítricos cocida, pero compénsano a améndoa e o azucre: É unha adaptación, quitando o chocolate e cambiando algunhas proporcións, de esta do blog El comidista, seguro que xa o coñecedes 😀

Ingredientes (para 15 racións, aproximadamente):

5 ovos

250 gramos de azucre de caña

125 gr. de améndoa moída

100 gr. de fariña (para os celíacos: pódese substituir pola mesma cantidade de améndoa )

1 laranxa

1 mandarina

1 culleriña de fermento Royal

Manteiga ou aceite de xirasol para untar o molde

Azucre glas e/ou améndoas laminadas para decorar

  1. Cocemos a laranxa e a mandarina durante 30 minutos. Cambiamos a auga e cocemolas outros 30 minutos. Escoamos e deixamos enfriar.
  2. Prequentamos o forno a 190º
  3. Nun bon grande batemos os ovos e o azucre. Engadimos as améndoas moídas e batemos.
  4. Cortamos a mandarina e a laranxa pola metade para ver que non teñan sementes. Partímolas en anacos pequenos, botámolos no bol e batemos.
  5. Engadimos fariña e fermento á mestura e seguimos batendo ata que teña unha consistencia homoxénea.
  6. Untamos o molde con mateiga ou aceite de xirasol.
  7. Cocemos no forno durante 45 minutos, máis ou menos. Para saber se está, introducimos un coitelo na masa, e se sae seco, está listo!
  8. Decoramos esparexendo o azucre e as améndoas laminadas.

Que aproveite!

torta_laranxa_amendoas4


Comments

  1. Mimá! Que pinta! Esta vai directiña á listaxe de receitas pendentes!

    • Paga a pena! Además aguanta moi ben varios días sen estragarse 🙂

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *