Torta de mazá caramelizada

Hai dúas semanas estiven visitando Ferrolterra e quedei abraiada da cantidade de maceiras que había, e tamén das mazás que andaban polo chan sen que ninguén as recollese. Apañei un par de bolsas, e como aínda estaban un pouco verdes e duras, decidín facer compota, e despois unha torta: a miña propia versión dun doce estadounidense que lin neste marabilloso blogue.

O resultado foi boísimo, a mazá caramelizada está deliciosa e fai moi bo contraste co follado crocante. Se queredes levar a merenda a un nivel superior, acompañádeo de nata montada ou de xeado de vainilla!

Ingredientes para 6 racións:

1 paquete de follado rectangular de 350 gr, aproximadamente

2 mazás grandeiras, peladas, sen sementes e cortadas en anacos

160 ml. de zume de mazá

80 ml. de auga

80 gr. de azucre

25 gr. de manteiga

Un chisco de canela

Un belisco de sal

50 ml. de leite gordo para pintar por riba

  1. Nunha tixola grande botamos as mazás, o azucre, o sal e maila auga. Deixamos quecer a lume medio durante 20 minutos.
  2. Engadimos o zume e cocemos 15 ou 20 minutos máis, ata que as mazás estean case desfeitas. Esmagámolas cunha culler de pau.
  3. Baixamos o lume e remexemos 10 minutos máis, remexendo ben para que a pasta non pegue na tixola. Neste momento tenque ter unha cor marrón clara, coma a do caramelo.
  4. Engadimos a canela e a manteiga, retiramos do lume. Deixamos arrefriar por completo.
  5. Prequentamos o forno a 200º
  6. Sacamos 2 tercios da masa de follado, cortamos, estendemos e pinchamos cun garfo para que non suba demáis ao quecer.
  7. Estendemos a mazá caramelizada, deixando una marxe dun centímetro polos lados.
  8. Co tercio que sobra do follado facemos tiras verticais, que iremos cortando á medida para colocalas en diagonal. O máis sinxelo é comezar polas esquinas e acabar no centro. Pegámolas ás marxes do follado
  9. Pintamos co leite o pastel, para que doure mellor. O máis recomendable é facelo cun pincel de silicona.
  10. Quecemos no forno a unha altura media durante 30 minutos, ou ata que estea ben dourado.

Que aproveite!

torta-maza-2torta-maza-3 torta-maza-1


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *