Xa levamos varias receitas con mascarpone nesta casa: o tiramisú e a pasta con espicanacas e mascarpone, pero a verdade e que por textura e sabor é un queixo moi versátil. A proposta desta semana e dunha sobremesa ben fresquiña, xa pensando nese verán que tanto está tardando 🙂
Ingredientes (para 8 vasos pequenos ou 5 normais)
250 gr. de cereixas sen óso
250 gr. de mascarpone
2 ovos
120 gr. de azucre
2 culleres de azucre avainillado (haino no Froiz, p.e.)
1 lámina de xelatina neutra
Un chisco de canela en po
10 galletas de manteiga tipo bretón (opcional, só se queremos unha base crocante)
- Se queredes unha base de galletas, esmagádeas coa trituradora, repartídeas nos vasiños aplastando cunha culler para que collan a forma.
- Lavar e escoar as cereixas, quitarlles o óso (é mellor usar un pauciño, coma xa explicara na torta de cereixas Twin Peaks). Reservar un feixe delas para decoraren ao final.
- Poñer a lámina de xelatina en remollo en auga fría durante 5 minutos.
- Meter as cereixas nunha pota coa lámina de xelatina (que ha derreter) a metade do azucre e maila canela. Cocer a lume medio durante 20-25 minutos. Pasar pola batidora para facer un puré. Deixar arrefriar.
- Romper os ovos separando as xemas das claras.
- Nun bol grande, bater as xemas co resto do azucre e o azucre avainillado. Cando estea mesturado, engadir o mascarpone aos poucos ata que a masa sexa homoxénea.
- Bater as claras ata que estean firmes, e ir engadindo a modiño á mestura do bol.
- Poñemos crema do mascarpone en cada vasiño ata a metade máis ou menos, engadimos por riba o puré de cereixa. Podemos decorar cas cereixas que queden enteiras (eu cominas polo camiño :D)
- Deixamos repousar no frigorífico unhas 6 horas coma mínimo.
Se non vos gustan as cereixas, podedes probar a facelo con amorodos, amoras ou incluso mango! Que aproveite!
Un comentario en “Vasiños de crema de mascarpone e cereixa”