Verduras asadas con soia

Como presta cociñar moito un día con tempo e gardar as cousas ricas para os vindeiros días! E o que fixen eu con estas saborosas verduras, que só precisan dun pouco de paciencia para lavalas e cortalas pero o resultado paga a pena, vaia que si.

Cousas a ter en conta: A soia normalmente leva moito sal, así que normalmente non cómpre botarlle máis (sabedes esa sede tola á noite despois de comer sushi? Pois é principalmente por iso :D). Outra cousa, que aprendín hai pouco, é que o talo do brócoli pódese comer. Só hai que lavalo ben e cortalo en rodas finas, xa que lle custa un pouco máis cocer que ás outras verduras.

Ingredientes (para 3 racións, ou 5 se vai de acompañamento)

Unha batata mediana

Un brócoli mediano

Media cebola

Medio bote de pementos de piquillo

3 ou 4 culleres de soia

3 ou culleres de aceite de oliva virxe extra

Un belisco de comiño (opcional)

  1. Prequecemos o forno a 180º, con calor por riba e por baixo.
  2. Cucbrimos a bandexa negra do forno con papel de forno ou de prata.
  3. Lavamos e cortamos as verduras en anacos pequenos: a batata primeiro en rodas de 2 cm de grosor e despois cada roda en catro partes, por exemplo.
  4. Botamos todo nun bol grande e engadimos o aceite e maila soia (mesturada co comiño, se é o caso).
  5. Remexemos ben e estendemos na bandexa, procurando que quede todo xunto.
  6. Se queda líquido no bol, engadímolo por riba.
  7. Quecemos no forno durante 35-40 minutos, movendo as verduras de cando en vez para que lles dea ben a calor.
  8. Cando estean brandas e douradas polas beiras, sacámolas e servímolas.

E a vos, que verduras ao forno vos gustan?


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *