Que tal estades? Espero que ben, e que esta situación non se vos faga (demasiado) costa arriba. Eu co teletraballo teño máis tempo para cociñar e máis enerxía para actualizar a páxina, así que non teño queixa. Desta vez imos cunha receita de tempada, a xarda é un peixe que está dispoñible de febreiro a abril, e ten un prezo moi económico e un sabor marabilloso: non había escusa para non preparala.
Esta receita gustoume moito porque o sabor é moi intenso e a carne da xarda non queda seca para nada. Cando vaiades comprala, pedide que vola corten en filetes sen espiñas, deste xeito a preparación é moi rápida e apenas hai que limpar nada.
Ingredientes (para dúas racións)
2 xardas medianas, en filetes
2 dentes pequenos de allo
3 culleres de aceite de oliva
Zume de medio limón
Media culleriña de ourego
Media culleriña de sementes de coandro (opcional, podedes botar máis ourego)
Media culleriña de sal gordo
- Colocamos os filetes coa pel cara abaixo nunha bandexa. Mellor que esta sexa de bordes altos xa que o mollo vai saltar un pouco ao quecer no forno.
- Nun morteiro botamos o sal, ourego e coandro e mailos dentes de allo cortadiños. Mallamos todo ata que facermos una mestura homoxénea e engadimos o zume de limón e o aceite, remexendo ben.
- Cun pincel de silicona repartimos o mollo polos filetes uniformemente.
- Tapamos cun film transparente e deixamos repousar dúas horas a temperatura ambiente.
- Prequecemos o forno a 200º
- Cocemos a altura media durante 10-15 minutos.
- Servimos con patacas, arroz ou unas verduras.
Que vos parece? Gústavos a xarda? Se non vos gustase, botádelle un ollo a outras receitas de carne peixe.

