Eu sigo aproveitando a xeadeira que comprei hai unhas semanas para faceren sabores “raros” que non se atopan por aí. Neste caso é un xeado feito a base de queixo crema (coma o Philadelphia), vainilla, ovo e anacos de galletas Dixestive. É unha adaptación dunha receita de Nigella Lawson: podédela ler aquí, xunto con máis suxerencias para os xeados….boísimos!
Os xeados conteñen diferentes cantidades de graxa segundo os ingredientes que conteñan, e iso condiciona a sensación de frío ou calor que transmeten. Isto vén ao conto porque neste caso ten bastante graxa, que o fai lene e “cálido” polo que o podedes facer tamén en inverno, para despois de comer 😉
Ingredientes (para 6-8 racións)
350 ml. de nata para bater
175 ml de leite gordo
125 gr de queixo en crema
200 gr de azucre, mellor se é glas
1 ovo
2 ramas de vainilla (ou unha culleriña de extracto)
Zume de medio limón
6-8 galletas “Digestive” ou de avea, o caso é que esfarelen
- Quentamos o leite nunha tixola e poñemos a vainilla para que infusione durante 5 minutos, sen que chegue a ferver. Se usamos extracto, mesturámolo co leite.
- Engadimos o queixo en crema, e o azucre, remexendo. o lume non pode estar moi alto.
- Batemos o ovo e engadímolo á tixola, mesturando todo. Apagamos o lume e deixamos enfriar.
- Batemos a nata nun bol grande, ata que quede consistente.
- Vertemos o contido da tixola no bol, a modiño para que non baixe. Engadimos o zume de limón e remexemos un pouco a man.
- Deixamos enfriar no frigorífico.
- Se temos xeadeira, seguimos as instruccións do fabricante. Se non, metede o bol no conxelador e sacádeo para remexer a man cada 30 minutos, unhas 4 ou 5 veces. Isto evitará que o xeado cristalice e quede duro.
- Para usar as galletas hai dúas opcións: podédelas esmagar e engadir á crema do xeado, ou podedes facer “cortes” co xeado no medio de dúas galletas. Nas fotos distínguense as dúas versións.
Que aproveite!
2 comentarios en “Xeado de cheesecake”