Xeado de chocolate negro

Despois do éxito das receitas do xeado de cheesecake ou o de lima e alfábega, hoxe traemos un xeado máis tradicional que de seguro ha gustar a todo o mundo: xeado de chocolate negro! Para un resultado espectacular é mellor investir nun chocolate de calidade, que teña a lo menos un 70% de cacao.  A marca Lindt é moi boa, así coma a “JD Gross”, que venden nos supermercados Lidl. Para facer contraste acompañarémolo dunha mermelada de framboaesa ou laranxa amarga, que combinan moi ben co chocolate.

Veredes que a receita non especifico o tipo de leite nin de nata, porque isto depende moito da graxa que lle queirades meter. Eu fíxeno con leite desnatado e nata 20% MG porque era o que tiña na casa, pero canta máis cantidade de graxa, máis aveludado ha quedar. Ollo: precísase unha máquina de facer xeados.

Ingredientes (para 3/4 de litro, máis ou menos)

500 ml. de leite

200 ml de nata

150 gr. de azucre

125 gr. de chocolate negro

4 xemas de ovo

65 gr. de cacao en po

1 culleriña de extracto de vainilla

Un belisco de sal

Améndoas, marmelada de framboesa ou laranxa amarga para acompañaren

  1. Botamos o leite e a nata nunha tixola ben grande. Quecemos a lume medio, e disolvemos o chocolate e mailo cacao en po. Retiramos do lume.
  2. Nun bol, batemos as xemas de ovo durante 1 minuto. Despois engadimos o azucre e batemos ata que colla unha textura pastosa e aclare a súa cor.
  3. Botamos un cuarto da mestura da tixola, aos poucos para que non calle o ovo de todo, e remexemos ben ata que non se distingan as dúas texturas.
  4. Botamos o contido do bol de volta na tixola, e quecemos de novo a lume medio, remexendo cunha culler de pau ata que espese. Para que vos fagades unha idea, ao pasaren o dedo pola culler, ten que quedar unha liña limpa, sen que a mestura se volte xuntar inmediatamente no medio da liña.
  5. Engadimos o sal e o extracto de vainilla, remexemos.
  6. Deixamos arrefriar e metemos no frigorífico durante unha hora.
  7. Metémolo na máquina de xeados segundo as instruccións do fabricante, ata acadar a textura desexada. Normalmente para que quede firme cómpre deixala entre 45 min e unha hora.
  8. Unha vez feito, o xeado aguanta 3 ou 4 días no conxelador, metido nun recipiente con tapa. Lembrade sacalo 10 minutos antes de comelo para desgustalo ao máximo.

Que aproveite!

xeado-choco-2


Comments

Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *