Xeado de pexego con framboesa

Coñecedes o Peach Melba? é unha sobremesa bastante famosa nos países anglosaxóns, e consiste en pexegos cocidos nun xarope, acompañados dunha xelatina de framboesa todo sobre un xeado de vainilla. Débelle o nome á cantante de ópera Nellie Melba, a quen lle adicou o cociñeiro a súa creación.

A cousa é que eu non o coñecía e tampouco o probara, pero buscando receitas novas de xeado xurdiu unha que combinaba todo nun. Aproveitade para facelo, gardalo e lembrar nuns días as últimas calores do verán 😉

Ingredientes (para 600 ml de xeado)

2 pexegos, pelados, sen óso e cortados

200 ml de nata para bater (35% MG)

40 ml. de zume de pexego

40 ml. de leite enteiro (gordo)

60 gr. de azucre avainillado

Unha culler de zume de limón

Un belisco de sal

Para a pasta de framboesa

100 gr. de framboesas

Unha culler de ron

Dúas culleres de azucre de caña

  1. Nunha tixola, quecemos o zume de pexego, os anacos de pexego e o azucre a lume medio, ata que estean brandos.
  2. Deixamos arrefriar, lonxe do lume.
  3. Mentres, imos preparando a pasta de framboesa: nun bol mesturamos todo e esmágamolo cun garfo. Metemos no frigorífico
  4. Cando a mestura do punto 1 estea fría, botámola nun bol ca nata, o leite e o limón, pasamos a batedora ata que teña unha textura homoxénea e aveludada.
  5. Deixamos no frigrífico 1 hora, e despois metémolo 10 minutos no conxelador.
  6. Imos botando a mestura na xeadeira, seguindo as instruccions do fabricante.
  7. Estendemos nun recipiente de plástico, intercalando capas da pasta de framboesa. É recomendábel deixar repousar media hora no frigorífico antes de comelo.

Que aproveite!

xeado_pexego_2

xeado_pexego_1


Deixa unha resposta

Your email address will not be published / Required fields are marked *